A UVigo aplica desde hoxe un plan de medidas urxentes para reducir entre un 25 e un 30% o consumo enerxético actual

O Consello de Goberno aprobou rexeitar a tramitación da modificación do Grao en Publicidade 

Tras ser aprobado por asentimento no Consello de Goberno celebrado este mediodía, a UVigo aplicará desde hoxe un Plan de medidas urxentes de aforro enerxético co obxectivo de acadar unha redución de entre un 25 e un 30% do consumo enerxético actual. A xestión da calefacción e a climatización dos edificios, a prohibición do uso de dispositivos de calefacción individuais eléctricos, o apagado de equipos cando non se utilicen e o axuste da iluminación interior e exterior, son as principais medidas de aforro enerxético contempladas no Plan de medidas urxentes, que precede, a partir do vindeiro curso 2023/2024, e logo de debater e acadar os acordos precisos no seo da comunidade universitaria, á aplicación de medidas estruturais, como serán a planificación xeral da actividade universitaria entre as 8.00 e as 18.00 horas ou a centralización en menos edificios das actividades que se prestan en fins de semana ou días non lectivos. “Son medidas boas con independencia do prezo da enerxía, porque non podemos desperdiciala e temos que dar exemplo”, dixo o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, que avanzou que as medidas destinadas reducir o consumo enerxético “viñeron para quedarse”.

A presentación das accións incluídas no Plan de medidas urxentes de aforro enerxético, así como das accións estruturais que o equipo de Goberno da UVigo prevé implantar no vindeiro curso, centraron a sesión ordinaria que o Consello celebrou este mércores e na que con 37 votos en contra, un a favor e un en branco, se acordou rexeitar a tramitación da modificación do título de Grao en publicidade e relacións públicas. A decisión do decanato da Facultade de Comunicación, logo do aprazamento da votación deste punto no Consello de Goberno do pasado xullo na procura dun acordo, de manter a eliminación no novo plan de estudos das materias de lingua española, galega e socioloxía, concluíu hoxe co rexeitamento maioritario do órgano de goberno da UVigo a aprobar a tramitación da modificación do grao proposta polo decanato do centro do campus de Pontevedra.

 A sesión ordinaria de hoxe comezou co informe do reitor, no que Manuel Reigosa deu a coñecer a nova estrutura de Xerencia e de cargos adxuntos ao reitor, co que enfrontará a modernización administrativa, tanto de procedementos, como informática, e o desenvolvemento da nova RPT. Un informe no que tamén avanzou que a UVigo solicitará á Xunta de Galicia algo máis de 53 millóns de euros en concepto de financiamento de infraestruturas no período 23-26 e que inclúe, entre outras actuacións, a nova Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e o edificio de Intelixencia Artificial, no campus de Ourense; o edificio modular na parcela de Tafisa e a reforma de CC da Educación e do Deporte en Pontevedra e as actuacións nos edificios Faraday, Siemens e Morse da ETEA e en atlanTTic no campus de Vigo. 

Medidas urxentes para enfrontar un reto derivado da crise enerxética mundial 

O adxunto ao reitor para as enerxías renovables e infraestruturas, Jacobo Porteiro, foi o encargado esta mañá de presentar ante os membros do Consello o Plan de medidas urxentes de aforro enerxético da Universidade de Vigo, que lembrou, leva anos apostando de xeito decidido polas enerxía renovables e a eficiencia enerxética, co dobre obxectivo de acadar unha importante redución do impacto da súa actividade sobre o medio ambiente e de lograr unha menor exposición á escalada dos prezos da enerxía. O plan presentado hoxe, que se completará o vindeiro curso 2023/2024 co Plan de medidas estruturais, e co Plan de sustentabilidade da UVigo (Suvi), que ten o obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética e a redución da pegada de carbono total nun 9,5%, formulouse atendendo a catro factores clave: que as medidas teñan un efecto significativo na redución do consumo de enerxía; que non afecten á actividade académica; que preserven a salubridade e o confort dos postos de traballo do persoal e que manteñan plenamente o desempeño da actividade docente e investigadora. “O ano pasado gastamos, en números redondos, medio millón de euros en Gas Natural e 1.7 millóns de euros en electricidade, destacando que grazas ás instalacións de enerxía renovable que vimos instalando, o consumo vai en descenso ano tras ano. O problema é, que este ano multiplicouse por dous o prezo do kWh de Gas Natural e é previsible que haxa unha suba semellante do prezo da electricidade. Xa só en Gas Natural, este ano (2022) co consumo do 2021, teremos un gasto adicional de medio millón, e coas tarifas do 2023, subiremos 1.3 millóns de euros o gasto” detalla o adxunto ao reitor, que explica que “como nós non podemos actuar sobre o prezo, teremos que actuar sobre o consumo”.

Ao abeiro do eixo de Acción, o Plan de medidas urxentes de aforro enerxético da UVigo contempla sete accións básicas como a xestión da calefacción e da climatizacións dos edificios, prohibición do uso de dispositivos de calefacción individuais eléctricos, apagado de computadores, equipos e maquinaria cando no se utilicen, así como axuste da iluminación interior e exterior. O aceso á calefacción realizarase a partir do 1 de novembro e ata o 15 de abril e só nos días nos que a previsión meteorolóxica de Meteogalicia cumpra simultaneamente unha temperatura máxima exterior igual ou inferior a 18º C e unha mínima exterior igual ou inferior a 12ºC, coa excepción do caso do campus de Ourense, que por mor da súa maior oscilación térmica, se considerará habilitado para o uso da calefacción calquera día, dentro dos períodos establecidos, cunha mínima exterior igual ou inferior a 8ºC. A temperatura obxectivo de confort dos espazos interiores de ensino e traballo queda fixada nun máximo de 19ºC e establécense dous horarios de calefacción: no tramo de mañá de 7.00 a 12.00 horas e pola tarde de 15.00 a 19.00 horas, mentres que os edificios administrativos só terán calefacción no tramo de mañá. Outras medidas contempladas neste apartado son que non se climatizarán os espazos de circulación dos edificios e que as fins de semana a calefacción permanecerá apagada. En todo caso, a calefacción manterase o tempo necesario nos laboratorios, animalarios, etc. que o requiran. “Non falamos de que vaiamos pasar frío nos postos de traballo, pero debemos adaptar medidas para non malgastar enerxía. Hai que abandonar malos hábitos e para acadar un novo equilibrio temos que imprimir un forte pulo na dirección do aforro”, dixo Porteiro.

En canto ao uso do aire acondicionado, a temperatura obxectivo de confort será de 27ºC, establecéndose o período de uso entre o 1 de maior e o 30 de setembro, limitado aos días nos que a previsión meteorolóxica cumpra simultaneamente cunha máxima exterior igual ou superior a 28ºC e unha mínima exterior igual o superior a 16ºC. Polo demais, queda prohibido o uso de calefactores individuais eléctricos co fin de evitar o elevado custo derivado do seu uso, ineficacia enerxética e risco de incendio; os equipos informáticos, instrumentación científica e resto de equipamento de alimentación eléctrica debe apagarse fóra dos horarios de apertura dos edificios, aínda que quedan excluídos aqueles que requiran de conexión continuada por razóns docentes e investigadoras; deberán desconectarse os termos eléctricos e quentadores de auga instantáneos en aseos e laboratorios e apagarase a achega de calor nas cortinas de aire.

No caso da iluminación interior e exterior, axustarase solicitándolle a toda a comunidade universitaria, e en especial ao persoal da conserxerías, que apaguen a iluminación nos espazos nos que non se use no caso de interiores, mentres que no exterior, limitarase e regularase a intensidade nas zonas de aparcadoiro nas horas centrais da noite e nas zonas de pistas deportivas nos períodos sen ocupación reservada. Pola súa banda, as medidas descritas nos eixos de organización e de sensibilización do Plan contemplan, entre outras, a continuidade dos peches por motivos de aforro enerxético en Semana Santa e verán, estudándose a posibilidade de aplicalo tamén algúns días de Nadal e fin de ano; o control do consumo completando a implantación dun sistema de monitorización de consumos e produción de enerxía en todos os edificios da universidade; accións específicas para o servizo de limpeza e recomendacións para todas as persoas usuarias da institución para que apaguen as luces ao abandonar as dependencias, axustar os termostatos a temperaturas axeitadas ou usar as escaleiras en lugar dos ascensores.

As medidas presentadas este mediodía motivaron algunhas intervencións dos membros do Consello, como a representante sindical Marta Pazos que mostrou a súa preocupación pola diferenza de temperatura que se rexistra entre o campus de Vigo e o centro da cidade, que é onde Meteogalicia rexistra a temperatura que difunde publicamente. Pola súa banda, o representante do alumnado Manuel Diz demandou o control do cumprimento destas medidas, mentres que o decano da Facultade de Filoloxía e Tradución, José Montero, confirmou que se poderán seguir a utilizar deshumidificadores alí onde sexa preciso. Pola súa banda, o representante sindical Carlos Mollinedo interesouse polo destino da produción das instalacións fotovoltaicas, mentres que a directora da EE de Telecomunicación, Rebeca Díaz, solicitou a adopción de medidas para mellorar o illamento dos edificios e evitar as perdas de enerxía. Mentres, o vicerreitor de Relacións coa empresa, José María Martín Moreno, interveu para advertir do risco económico derivado do incremento do prezo da enerxía, ao tempo que apelou a aforrar. 

A Vicerreitoría de Planificación e Sustentabilidade será a encargada de realizar o seguimento e avaliación do Plan de medidas urxentes de aforro enerxético, que queda aberto para que se poidan establecer novas medidas de aforro e modificar propostas.