A 3ª edición da feira desenvolverase en formato  virtual entre os días 22 ao 24 de febreiro

55 universidades españolas participarán entre os días 22 ao 24 de febreiro na terceira edición de UNIferia Grados, unha iniciativa da Crue que ten o obxectivo de servir de orientación académica para o alumnado de secundaria e bacharelato, permitindo ás institucións de educación superior ofrecer información sobre a súas titulacións de grao e outros servizos que poñen a disposición do seu futuro estudantado. “A Universidade de Vigo participa porque, ao ser referente do sur de Galicia, debe ester presente nunha feira destas características. Para nós é importante que nos coñezan en toda Galicia, e tamén o alumnado preuniversitario de calquera punto de España”, sinala Susana Rodríguez Barcia, directora da Área de Captación de Alumnado, que incide na necesidade de promocionar e explicar ben as posibilidades formativas da UVigo, para así situarse entre as primeiras opcións do alumnado cando chegue o momento de elixir o seu futuro académico.

UNIferia Grados 2021 ofrecerá de xeito personalizado ao estudantado, a través dunha plataforma virtual, toda a información necesaria das titulacións ofertadas por máis de medio cento de institucións académicas españolas, permitindo ás persoas usuarias interactuar por videoconferencia cos distintos servizos de información e orientación das universidades participantes. A feira conta cun pavillón virtual, no que se sitúa un punto de información principal onde as e os participantes deberán rexistrarse, para logo poder, a través dun buscador, localizar titulacións por ramas de coñecemento, ámbito xeográfico, nota de corte ou servizos. O pavillón está composto por postos das universidades, con blogs, chats, correo electrónico, vídeos, oferta académica e enlaces as súas correspondentes webs. Así mesmo, o pavillón inclúe salas de conferencias, con capacidade limitada, onde as universidades poderán realizar vídeoconferencias sobre temáticas de interese.

Unha visión de conxunto para o alumnado da oferta de grao

Presente desde o comezo desta iniciativa, a UVigo volverá a amosar este ano en UNIferia Grados a súa oferta académica, pero tamén información sobre taxas públicas e axudas ao estudo, servizos deportivos e culturais, aloxamento, o Centro de Linguas e, en xeral, sobre calquera aspecto de interese para o alumnado de bacharelato. “Con todo, pode ser tamén moi interesante para o alumnado de secundaria que debe escoller o seu ámbito de coñecemento para o futuro, para orientadoras e orientadores de colexios, institutos e centros de FP, ou incluso para familias que precisen ter unha visión global da oferta de titulacións en España”, detalla a directora da Área de Captación de Alumnado.

Susana Rodríguez Barcia, que lembra a participación da UVigo ao longo do curso en feiras como Edugal, Unitour, Uniferia Master, ás que engadirá este ano como novidade a primeira edición da feira virtual Estudiar en España para Portugal, incide na importancia de tomar parte neste tipo de eventos. “As feiras de orientación proporcionan ao alumnado unha visión de conxunto da oferta de grao nas universidades españolas e tanto en presencial, como en virtual, permiten solucionar dúbidas concretas relativas a acceso, matrícula, bolsas, aloxamento, transporte… E, a pesar das súas limitacións, as feiras virtuais teñen varias vantaxes: son máis sostibles porque non implican impresión de folletos, nin obrigan a desprazamentos, teñen a capacidade de chegar a todos os puntos de España e tamén axudan a través do servizo de chat e vídeochat a solucionar dúbidas do mesmo xeito ca que formato presencial”, detalla a directora da Área de Captación de Alumnado da UVigo.