A Universidade presenta o buque oceanográfico CIM UVigo, a primeira embarcación profesional fabricada en España con propulsión híbrida enchufable

Está acondicionado para realizar tarefas de investigación científica en mares e augas costeiras

A Universidade de Vigo presentou este xoves a que está chamada a converterse nunha das súas infraestruturas de investigacións máis importantes, modernas e innovadoras, o buque oceanográfico CIM UVigo, a primeira embarcación de uso profesional fabricada en España con propulsión híbrida enchufable.

O buque, construído polo estaleiro moañés Rodman Polyships, ten 19,5 metros de eslora por 5,4 metros de manga e 1,40 de calado e está acondicionado para realizar tarefas de investigación científica en mares e augas costeiras. O orzamento total foi de 1,5 millóns de euros, pero o proxecto está financiado con cargo á axuda concedida pola Axencia Estatal de Investigación, pertencente ao Ministerio de Ciencia e Innovación, para a adquisición de equipamento científico-técnico de última xeración no marco do Plan estatal de investigación científica e técnica e de innovación 2017-2020, resolta en novembro de 2021. Grazas a estes fondos NextGeneration o Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo, dótase dunha infraestrutura que fortalecerá a posición de Vigo, e de Galicia en xeral, na investigación oceanográfica costeira, permitíndolle abordar con maior garantía e competencia algúns dos desafíos sociais máis críticos relacionados co cambio climático e ambiental, a pesca, a biodiversidade ou a xestión de riscos.

Aínda que se trata dunha embarcación con propulsión híbrida enchufable, conta de maneira complementaria cun sistema de xeración de enerxía baseado en paneis solares con celas policristalinas conectadas a un cargador e dous aeroxeradores vinculados aos seus sistemas de control. É, polo tanto, un barco respectuoso co medio ambiente e cun modelo de xestión eficiente que facilitará a obtención de datos oceanográficos de gran calidade técnica.

Na presentación, que tivo lugar no mediodía deste xoves no estaleiro moañés, o reitor Manuel Reigosa, destacou o talento e o potencial do Centro de Investigación Mariña da UVigo, que permitiu “conseguir o financiamento do Estado para unha infraestrutura coma esta, que terá un efecto multiplicador, xa que axudará a incrementar o impacto das nosas publicacións e fará que o que aprendemos sobre o mar sexa cada vez máis potente”.  O reitor recoñeceu tamén “o talento do sector privado, porque un barco coma este, “feito a medida e deseñado para atender as necesidades dos grupos de investigación, en poucos sitios do mundo tería sido posible facelo cun custo tan razoable”. Reigosa desexou que no futuro “sexamos quen de atracalo na ETEA e teñamos alí, xunto con outras institucións, un polo que poida ser comparable aos mellores centros do mundo. 

A vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, lembrou que o éxito obtido “nesta convocatoria de infraestruturas do Ministerio de Ciencia, Innovación e agora tamén de Universidades, reside no feito de deseñar unha proposta que fose ecolóxica e axudase a preservar o medio ambiente e engadía que “este é un fito moi importante para o CIM e nos permitirá seguir moi ben posicionados en oceanografía, disciplina na que, como apuntou Rubio, a UVigo está entre as 200 mellores do mundo segundo o ránking de Shanghai. 

Pola súa banda, o director do Campus do Mar, explicou algúns dos detalles máis técnicos da embarcación, “que está autorizada para traballar ata 20 millas da costa e vainos permitir ter acceso, sobre todo, a unha parte moi importante do océano á que antes non chegabamos se non contratabamos un barco. Polo tanto, isto vai permitir moitísima autonomía ao persoal investigador do centro e tamén na realización de prácticas co alumnado e, ao tempo, ampliar as nosas posibilidades de establecer colaboracións, tanto na contorna da área de Vigo, que ten unha concentración importante de investigación mariña como no resto de España e a nivel europeo”. É, polo tanto, un punto de inflexión “no desenvolvemento da investigación mariña na UVigo e en Galicia e vainos permitir dar resposta inmediata aos problemas da nosa comunidade que xurdan cando haxa algún incidente, será un recurso case instantáneo”.

Finalmente, Gonzalo Torres, director comercial de Rodman Polyships, deu as grazas á Universidade por confiar en Rodman e lembrou que este é  o segundo barco que o estaleiro moañés constrúe para a UVigo. “Para nós foi un reto moi importante e moi ilusionante, que implicou traballar durante todo un ano cóbado con cóbado co persoal investigador do CIM e agardamos ter cumprido as expectativas tan altas que nos puxeramos para a entrega deste barco”. Dende o estaleiro aseguran que “este fito marcará un antes e un despois na construción deste tipo de embarcacións, satisfacendo a demanda de todos aqueles armadores que buscan solucións e alternativas sostibles”. 

Características técnicas

O barco, que terá unha tripulación máxima de 12 persoas, inclúe elementos en cuberta como un guindastre nun dos costados, un pórtico en popa e un cabrestante para o manexo e despregamento de equipos pesados como rosetas, testificadores, redes , ROVs, etc. O casco e a cuberta son de poliéster reforzado con fibra de vidro e, por debaixo, hai unha zona de habilitación, laboratorio, tanques e a sala de máquinas. O compartimento de habilitación e o laboratorio estás illados acústica e termicamente do compartimento de tanques e sala de máquinas. A zona de habitabilidade está composta por un camarote con dúas liteiras para catro tripulantes, un aseo completo, un comedor con cociña, un laboratorio e espazo de almacenaxe de enxoval e provisións.

Aínda que a embarcación é capaz de navegar en modo eléctrico, sen necesidade de empregar ningún combustible fósil, conta tamén cun motor diésel, de catro tempos, sobrealimentado e con refrixeración do aire de carga, cunha potencia mínima de 815 CV para asegurar a velocidade máxima de 15 nós e unha velocidade de cruceiro de 12 nós, para proporcionar una autonomía de 16 horas de navegación continuada ou 350 millas (como mínimo en ambos casos). Como destacaba Daniel Rey, o buque é “capaz de navegar electricamente ao 100%, a velocidades de ata 10 nós e cunha autonomía de máis dunha hora a 5 nós en modo eléctrico. 

Capacidades científicas

A embarcación está deseñada para levar a cabo misións de investigación científica pluridisciplinar tales como a análise das características físicas, químicas, ou biolóxicas da auga de mar e dos sedimentos, a realización de tarefas de observación e cartografía do ecosistema mariño, os seus hábitats, e dos fondos e subsolo mariño. Tamén terá capacidades para a instalación e recuperación de equipos oceanográficos fondeados, como é o caso das boias oceanográficas, o lanzamento de mostreadores e perfiladores e o apoio loxístico a vehículos submarinos non tripulados de mediano e pequeno tamaño.

Deste xeito, o novo barco permitirá a realización de observacións in situ que complementen as observacións realizadas por sistemas de teledetección (por exemplo, satelitais) e que poidan perdurar por longos períodos de tempo. Ademais, é particularmente útil para a detección de patróns e tendencias que necesitan da adquisición de datos cunha distribución xeográfica ampla (como cambios na frecuencia e distribución dos afloramentos costeiros) ou de series temporais significativamente longas (como o impacto do cambio climático na distribución de especies). 

Unha vez recepcionado o barco, o equipamento científico irase instalando nos próximos dous meses, aproximadamente.

Para a comunidade investigadora da UVigo e para outros organismos alleos 

Esta nova infraestrutura será xestionada a través da plataforma @LIMS de solicitude de reserva e prestación de servizos existente da Ecimat. Ademais de para a propia comunidade universitaria, o barco estará tamén a disposición de calquera outra institución, galega, nacional e incluso internacional, tanto a través da rede europea de recursos biolóxicos mariños (EMBRC-ERIC) á que pertence á Ecimat, como do resto de infraestruturas europeas nas que participan os diferentes grupos de investigación da Universidade de Vigo adscritos ao CIM.