A Universidade de Vigo volverá ter un orzamento récord: 248,8 millóns de euros para 2024

Crece un 9,17% grazas ás maiores achegas do Plan de Financiamento e o éxito nas convocatorias de I+D

Un ano máis, a Universidade de Vigo volverá ter un orzamento récord, desta volta 248,8 millóns de euros para o 2024, o que supón un incremento do 9,17% respecto da cifra do actual exercicio, que foi de 227,9 millóns. Este incremento xustifícase na subida derivada da sinatura do novo plan de financiamento do SUG (PFSUG) e no incremento na captación de fondos por mor das novas convocatorias para a investigación e do fondo do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e das convocatorias europeas.

As liñas xerais orzamentarias, xunto co teito de gasto de 180,7 millóns, foron presentadas pola xerenta, Yolanda Lesmes, este venres na que foi a derradeira sesión do Claustro deste 2023. Agora o documento deberá ser aprobado polo Consello de Goberno, nunha xuntanza que terá lugar o vindeiro martes 26 de decembro, e posteriormente pasar polo mesmo trámite no Consello Social, tamén a vindeira semana.

No Claustro deste venres, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, tamén presentou o seu informe anual, no que deu conta dos resultados acadados pola institución académica viguesa en temas tan relevantes como a captación de fondos de I+D, matrícula, aforro enerxético ou novas titulacións e centros para o vindeiro curso. Ademais, na sesión tamén se presentou o informe de seguimento e avaliación anual do Plan Estratéxico e o informe sobre a transparencia na Universidade de Vigo correspondente ao ano 2022.

O maior orzamento da historia da UVigo

O presentado este venres, con 248.822.967 euros, é o maior orzamento da historia da Universidade de Vigo, o que, segundo puntualizou a xerenta, Yolanda Lesmes, amosa un crecemento continuado e constante que permitirá seguir poñendo o foco nas políticas de persoal para facer fronte ao proceso de xubilación masivo que sufrirá a institución, “a sétima máis envellecida de España”, como recoñecía o reitor. Polo tanto, o capítulo I, de persoal, continuará a ser o de maior peso no orzamento de gasto, apostando pola consolidación e o rexuvenecemento do cadro persoal. Coa dotación deste capítulo, sinalaba Lesmes, “cóbrense os incrementos salariais anunciados ou aprobados polo Estado e as políticas de persoal desenvoltas polo goberno da Universidade a prol da estabilización, unificación dos réximes xurídicos, e retención do talento. Queda por diante o reto do relevo se atendemos a idade media do persoal”.

Respecto do incremento do orzamento, este responde, entre outros factores, á potencia investigadora da institución e dos seus grupos, xa que se rexistrou un importante crecemento na captación de proxectos, sobre todo nas convocatorias europeas. Isto permite obter recursos para o desenvolvemento da actividade investigadora e as súas infraestruturas, que representan arredor do 30% do total de ingresos. 

A xerenta tamén se referiu ao novo Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-2026, que “supón unha mellora” e lembrou que, mentres noutras comunidades as institucións académicas non teñen claro as contías coas que van poder contar, no caso de Galicia, o feito de ter pechado un plan plurianual coa Xunta permite organizarse doutro xeito.