A Universidade de Vigo convértese no centro neurálxico do Rally Recalvi Rías Baixas

A actividade habitual do campus vigués de As Lagoas Marcosende convive desde primeira hora da mañá de hoxe coa da organización e participantes na 54ª edición do Rally Recalvi Rías Baixas, que se celebra este venres e mañá xoves. A contorna das instalacións deportivas, así como a zona das pérgolas próximas á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e o aparcadoiro da Facultade de Filoloxía e Tradución acolleron esta mañá as verificacións técnicas previas ao inicio da proba automobilística, puntuable para a nova Copa de España de Rallyes de Asfalto.

Hoxe os participantes darán dúas pasadas ao tramo urbano do Castro (ás 17.08 h e ás 19.22 h) contando, despois de cada especial, cun parque de traballo nas instalacións do campus e un reagrupamento en Policarpo Sanz. A xornada finalizará pasadas as 21 horas coa chegada dos participantes ao parque pechado de Policarpo Sanz. O sábado os equipos sairán do centro de Vigo para realizar unha asistencia de dez minutos no campus e, posteriormente, acometer a primeira sección do día (formada polos tramos de Vigo-Nigrán, Gondomar-Porriño e Salceda).

Tras pasar por un reagrupamento en Porriño, os equipos que sigan en carreira regresarán ao parque de traballo e volverán facer o mesmo bucle de tramos. Para a tarde quedará un novo reagrupamento en Porriño (16.10 h) e as dúas últimas especiais (Vigo-Nigrán e Gondomar-Porriño). A chegada do primeiro participante ao parque pechado final de Policarpo Sanz está prevista ás 19.45 h.

Aparcadoiros e paradas de Vitrasa alternativas para a comunidade universitaria

Por mor da celebración do evento, desde as últimas horas hai zonas do campus que permanecen reservadas á organización, sendo o máis salientable que toda a contorna das instalacións deportivas permanecen pechadas, así coma a zona das pérgolas próximas á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e o aparcadoiro da Facultade de Filoloxía e Tradución.

O aparcadoiro alternativo para a comunidade universitaria é o da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, ao que se pode acceder desde a circunvalación ou desde a vía que pasa polo edificio de Ciencias Experimentais e Citexvi. Desde a Vicerreitoría de Planificación e Sostibilidade lémbrase tamén que están anuladas as paradas de Vitrasa situadas nas proximidades das Facultades de CC Económicas e Empresariais e Filoloxía e Tradución, creándose de modo temporal unha nova parada na circunvalación.