Aprobouse hoxe no Consello de Goberno, que tamén deu luz verde as contas anuais de 2020
A UVigo desenvolverá a actividade docente no inicio do vindeiro curso 21/22 en modalidade totalmente presencial, excepto naquelas titulacións, cursos ou materias nas que a capacidade dos espazos non a permitan, ou cando as condicións sanitarias por mor da pandemia, non a fagan posible.
A aplicación desta denominada “normalidade adaptada”, foi aprobada este venres na sesión de Consello de Goberno, na que se abordaron as medidas sobre o inicio do próximo curso académico, no que a modalidade mixta ou non presencial quedaría, reservada para situacións puntuais e localizadas de curta duración, derivadas de restricións locais ou por gromos nalgunha dependencia universitaria.
Este foi un dos acordos adoptados na sesión que o órgano de goberno da UVigo celebrou este venres, e na que tamén se aprobaron as contas anuais correspondentes ao 2020, así como o nomeamento do investigador e director científico do CICbiomaGUNE, Luis Liz Marzán, como investigador distinguido da UVigo ,na que desenvolveu boa parte da súa carreira.
“Foi unha mágoa cando marchou”, dixo do reitor, que destacou a calidade científica e humana de Liz Marzán. Reigosa comezou a sesión ordinaria de hoxe co seu informe manifestando a súa expectativa en que antes de setembro se produza un acordo entre as universidades galegas e as consellerías de Educación e Facenda sobre o vindeiro Plan de Financiamento Universitario.
“Hai unha proposta das universidades e outra das consellerías e aínda que están relativamente lonxe, esperamos que haxa acordo antes de setembro”, dixo o reitor, que tamén manifestou o seu desexo de que se acade o máximo consenso en relación co mapa de titulacións, sobre todo despois que se chegase a un acordo sobre os criterios. “É unha boa nova que antes de facer o reparto se acordasen as regras de xogo”, sinalou Reigosa, que lembrou o consenso alcanzado no caso de grao e do mestrado en Intelixencia Artificial que se impartirá nas tres universidades.
No seu informe o reitor tamén confirmou que, tras fracasar unha primeira negociación do servizo de mediación para intentar desbloquear o conflito xerado pola proposta do Mestrado en Exercicio Terapéutico en Funcional en Fisioterapia, entre as facultades de Fisioterapia, promotora do título, e a de Ciencias da Educación e do Deporte, farase unha segunda mediación, ademais de encargarse un informe a unha asesoría externa especializada. Por outra banda, Reigosa avanzou a próxima apertura ao público do edificio Redeiras do Berbés, que xa a partir do mes de setembro acollerá varios servizos que agora se prestan no campus de As Lagoas Marcosende.
Normalidade adaptada para o curso 2021/22 e valoración positiva do 20/21
Logo cun curso que está a piques de rematar e no que, por mor da pandemia, a docencia presencial conviviu coas modalidades mixta e non presencial, a UVigo aposta por iniciar a actividade no curso 21/22 de xeito totalmente presencial, excepto naquelas titulacións, cursos ou materias nas que a capacidade dos espazos docentes que calcule a Unidade Técnica non permitan a presencialidade total.
Esta “normalidade adaptada”, que atenderá ás limitacións fixadas pola Xunta de Galicia, e ás medidas sanitarias, e que establece ocupacións do 50% para bancadas fixas e 1,2 metros para mobiliario non fixo, trasladarase logo da súa aprobación de hoxe polo Consello de Goberno aos centros da UVigo, que deberán analizar se poden iniciar o vindeiro curso de xeito totalmente presencial ou teñen que solicitar unha excepción.
“Non podo valorar se algún centro pedirá non empezar con presencialidade total, pero tendo en conta que as restricións en canto a distancias se relaxan e que moitos centros xa tiveron presencialidade total nas condicións deste curso, debe haber poucas excepcións, se é que hai algunha”, prevé Manuel Ramos, vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, que explicou que a adopción destas medidas deriva de reunións mantidas entre a Consellería de Educación, Sergas, Acsug e universidades, e que parten de dúas ideas básicas sobre as que traballa a Xunta: o avance cara á normalidade e o principio de prudencia.
As medidas acordadas hoxe para o vindeiro curso contemplan que a normalidade adaptada poderá verse modificada por restricións locais derivadas de gromos ou peches na localidade na que se sitúa o centro docente, dando así lugar a unha modalidade mixta o non presencial. En canto ás prácticas externas, estas deberán desenvolverse segundo as medidas activas en cada momento de seguridade, autoprotección e distancia física e en función da normativa vixente e o do establecido no correspondente convenio de cooperación educativa. Así mesmo, as medidas recollen que as guías docentes conterán, de xeito xeral, un escenario de normalidade adaptada.
Sobre o presente curso, cando está a piques de rematar, o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado fai “unha valoración moi positiva. Non houbo incidencias destacables na impartición da docencia na modalidade mixta, nin nas probas de avaliación e a incidencia de contaxios nos centros foi moi inferior á que se daba a nivel de rúa nas cidades, onde están os campus”. Ramos lembra que non houbo ningún gromo en todo o curso, e unicamente foi preciso pechar uns poucos días algún curso completo con carácter preventivo. “A mellor noticia é que o curso transcorreu con normalidade dentro da situación de anormalidade vixente”, asegura Manuel Ramos.

