Francia, Italia e Alemaña mantéñense como principais países de procedencia
Son 237 mozas e mozos estranxeiros, pouco máis da metade dos que había por este datas en 2019
Nun contexto global de redución da mobilidade por causa da pandemia as aulas da Universidade de Vigo seguen acollendo este curso a estudantes de múltiples nacionalidades. Como non podía ser doutro xeito a covid-19 freou a chegada de alumnas e alumnos estranxeiros, pero aínda así as aulas da UVigo acollen este curso a 237 estudantes de 26 nacionalidades, manténdose Francia (57), Italia (50) e Alemaña (36) como principais países de procedencia. A redución con respecto a novembro de 2019 é do 53% – naquel momento había 439 estudantes internacionais-, algo que era previsible dada a actual situación de emerxencia sanitaria que levou a moitos mozos e mozas a aprazar a tempos mellores a realización das súas estadías internacionais.
Destes 237 estudantes estranxeiros, 34 pasarán aquí o curso completo; 84 só o primeiro cuadrimestre e 119 son as solicitudes que se contabilizan nestes momentos para realizar as estadías de febreiro a xuño, se ben esta cifra pode aínda sufrir variacións, xa que aínda non se pechou o prazo de solicitudes e sempre poden rexistrarse renuncias.
As persoas que máis se animan a viaxar seguen sendo as mulleres, 120 mozas fronte a 82 mozos e, se se atende aos diferentes programas de mobilidade cos que chega este alumnado, maioritariamente ségueno facendo a través do programa Erasmus+ (197), se ben as posibilidades de realizar estadías internacionais son cada vez máis amplas. Nesta ocasión, 25 estudantes chegaron a través de convenios bilaterais asinados con universidades de países como México (11), Brasil (7), Arxentina (3), Colombia (2), Corea do Sur (1) ou Kazajistán (1); oito son Erasmus+ Prácticas; dous chegaron de Alxeria a través de Erasmus+ KA CBHE ANL-MED; dous de Estados Unidos, a través de ISEP, e outros dous a través dos programas Erasmus+ K107 (El Salvador) e como estudante visitante estranxeiro (Ecuador).
183 estudan en Vigo e 54 divídense entre Ourense e Pontevedra
Destas 237 alumnas e alumnos, 183 elixiron como destino as diferentes escolas e facultades do campus de Vigo e 54 divídense a partes iguais entre os campus de Ourense e Pontevedra. No caso do campus de Vigo hai alumnado internacional en practicamente todos os centros, se ben como é habitual a facultade con máis presenza internacional é Filoloxía e Tradución, con 73 estudantes internacionais procedentes dunha ducia de países; seguida de Ciencias Económicas e Empresariais, con 33 de dez países; Ciencias Xurídicas e do Traballo con 22 de cinco nacionalidades, e a Escola de Enxeñería Industrial con 20, de nove nacionalidades. Ademais, entre os centros de acollida están tamén a Oficina de Relacións Internacionais e a Área de Benestar, Saúde e Deporte, onde realizan as súas prácticas Erasmus+ unha estudante francesa e dous alumnos portugueses.
En Ourense hai matriculados 27 estudantes internacionais procedentes de dez países: Italia (11), Francia (4), México (2), Alemaña (2), Portugal (2), República Checa (2), Brasil (1), Lituania (1), Romanía (1) e Turquía (1). Neste caso están moi distribuídos por todo o campus: seis na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; outros seis na Facultade de Ciencias; cinco na Facultade de Educación e Traballo Social; tres na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; tamén tres en Dereito; dous na Escola Superior de Enxeñaría Informática e outros dous na Facultade de Historia.
O campus de Pontevedra acolle tamén este curso a 27 estudantes provenientes de 11 nacionalidades: Arxentina, Brasil, Reino Unido, Colombia, México, Francia, El Salvador, Italia, Polonia, Portugal e Lituania. 13 estudan na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; sete en Fisioterapia, cinco en Belas Artes e dous en Ciencias da Educación e do Deporte.

