A Universidade celebra un século de estudos mercantís e empresariais en Vigo

Reitor e alcalde destacaron a importancia dunha escola pola que pasaron xa máis de 20.000 estudantes

Polas súas aulas pasaron xa máis de 20.000 alumnas e alumnos, moitos deles e delas convertéronse co tempo en destacados profesionais do tecido empresarial e industrial galego e outros tantos ocuparon e ocupan postos de moi diversa responsabilidade en empresas e institucións no ámbito local, autonómico e nacional.

A outrora Escola Pericial de Comercio, agora Escola Universitaria de Estudos Empresariais e, en breve, Facultade de Comercio, inaugurou este venres as celebracións do seu centenario rememorando o seu primeiro Claustro, xuntanza que tivo lugar o 15 de xaneiro de 1921. Xusto cen anos despois a escola celebra esta data convertida nun referente, embrión, xunto coa súa veciña escola de Enxeñería Industrial, da actual Universidade de Vigo, entidade que este ano porá todo o seu empeño en celebrar esta data tal e como se merece un centro que foi gañando protagonismo e prestixio a medida que Vigo se foi tamén convertendo no motor industrial e comercial de Galicia.

O reitor, Manuel Reigosa; o alcalde, Abel Caballero, e a actual directora da escola, Consuelo Currás enfatizaron neste acto a importancia dun centro que foi e é fío condutor da cidade, tal e como recalcou o reitor na súa intervención. Xunto a eles estiveron tamén a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o que foi primeiro reitor da Universidade de Vigo, Luis Espada, e algúns dos docentes que dirixiron a escola, entre eles as dúas persoas que precederon no cargo a Consuelo Currás: María del Pilar López Vidal, que exerceu de 1993 ao 2000, e Patricio Sánchez Bello, que  chegou ao cargo no ano 2000 e foi a principal cabeza visible da loita desta escola por implantar o Grao en Comercio en substitución da antiga Diplomatura en Ciencias Empresariais .

 Entre as lembranzas do pasado e os retos futuros

Tras apertura do acto por parte do reitor, Consuelo Currás fixo un percorrido pola historia do centro dende a súa creación ata a actualidade, unha traxectoria temporal na que destacou, sobre todo, o papel que xogaron todas aquelas persoas que “co seu traballo, co seu esforzo e o amor polo ben feito e, sobre todo, polo seu compromiso coa Universidade, a sociedade e a súa xente” loitaron porque a escola mantivese e manteña un proceso de mellora continua. “A traxectoria vital da nosa escola amosa que sempre foi un centro dinámico, flexible e con gran capacidade de adaptación como o demostran os diferentes trocos aos que se viu sometida e que representan fitos históricos na súa andadura vital”, recalcou Currás.

Despois deste repaso histórico realizado pola directora, a secretaria da escola, María Jesús Barsanti, continuou esta particular viaxe no tempo botando a ollada a ese 21 de xaneiro 1921 coa lectura da acta do Claustro constituínte da Escola de Comercio, presidido polo catedrático José Benítez Galán, primeiro director da escola e no que se acordou o inicio das clases do curso 1920-1921, con 70 estudantes matriculados, para o 17 de xaneiro.

Situándose nos anos vinte iniciou a súa intervención o catedrático emérito Antonio Vaamonde, que, tras corenta cinco anos como docente da escola –de1983 a 1985 exerceu o cargo de director-,  foi o encargado de pór voz no acto ao profesorado e persoal do centro. Ao igual que Currás, na súa intervención Vaamonde realizou unha pequena viaxe no tempo, entre a lembranza do que foi historicamente a Escola de Comercio, “e o seu papel na formación dos que serían xestores e administrativos das empresas de Vigo”, e unha ollada ao futuro previsible, “no que a Facultade de Comercio ten a obriga de adiviñar os camiños dun cambio acelerado e formar axeitadamente aos profesionais que se van precisar”.

Nesa viaxe ao pasado, o catedrático  lembrou como no Vigo da década de 1920 aínda non existía o RC Celta e a rúa do Príncipe acababa de ser lastrada. “Galicia era maioritariamente rural, pero en Vigo xurdiran xa varios centenares de empresas, maioritariamente relacionadas co mar, o sector naval  e as conserveiras”, lembrou Vaamonde, quen fixo fincapé en que todo ese tecido empresarial precisaba de persoal cualificado para a súa xestión e, neses intres, “a cidade non contaba aínda nin sequera con ningún instituto de ensinanza media”. Finalmente conseguiuse a escola e, a partir de aí, “todas as empresas contaron con directivos saídos destas aulas”. Como retos futuros destacou a necesidade de seguir avanzando cara a docencia virtual, “tal e como nos está ensinando a pandemia” e de adaptarse a cambios que xa poden verse de xeito claro como o dominio absoluto do comercio electrónico e dunha industria cada vez máis automatizada.

En representación do alumnado interveu Arame Taboada, que, como delegada e alumna da escola, quixo pór en valor a palabra evolución, evolución que, ao seu xuízo, non podería terse levado a cabo, sen as profesoras e profesores, “os que xa pasaron e os que están actualmente na escola”, así como polos diferentes equipos de dirección, o persoal de administración “e os exalumnos e alumnas que, no seu conxunto, fixeron que este centro conte con fama e prestixio a nivel nacional”.