A unidade de neonatoloxía conmemora o día internacional do prematuro baixo o lema “por ti somos un equipo”

Profesionais sanitarios, a Asociación Agaprem, e pais e nais de bebés prematuros xunto cos seus fillos, participaron nunha xornada de portas abertas

No pasado ano naceron no Álvaro Cunqueiro 232 bebés prematuros, un 7,3 do total

Baixo o lema “Por ti somos un equipo”, os profesionais da Unidade de Neonatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo conmemorou hoxe o Día Internacional do Prematuro.

Con este lema faise referencia ao traballo en equipo, á atención multidisciplinar que se presta aos bebés prematuros no hospital Álvaro Cunqueiro, e que resulta necesaria para sacar a estos pequenos adiante. Así, nesta asistencia converxen, ademais dos neonatólogos e facultativos de diferentes especialidades médicas, persoal de enfermaría, logopedas, fisioterapeutas, e traballadoras sociais, entre outros.

Neste contexto, organizouse unha xornada de Portas abertas, cunha serie de actividades divulgativas e lúdicas dirixidas ao antigos nenos e nenas prematuros e aos seus pais, así como aos proxenitores dos recén nados que neste momento están ingresados na Unidade.

Unha das charlas divulgativas, titulada “Traballando polo teu desenrolo: Coidados na UCIN”, foi impartida pola enfermeira especialista en pediatría da Unidade de  Neonatoloxía, Isabel Fdz. Pinilla. Ademais, o logopeda Javier Bueno ofreceu outro relatorio titulado “Acompañando a alimentación  nas primeiras etapas do desenrolo”.

Patuco de honra

Pola súa banda, os representantes da Asociación de Nais e Pais de Prematuros  AGAPREM, entregaron este ano o “Patuco de honra” á  pediatra María Jesús Rodríguez, pneumóloga infantil que atende e fai o seguimento destes pequenos, para agradecerlle o seu labor e dedicación nestes anos.

Posteriormente, realizouse unha vista á Unidade de Neonatoloxía que foi decorada para a ocasión. Neste programa tamén tivo protagonismo a música xa que Manuel Morales, catedrático do Conservatorio Superior de Música de Vigo, interpretou varias pezas musicais de traverso barroco na mesma Unidade.

232 prematuros

O pasado ano naceron no Álvaro Cunqueiro 3.170 bebés, dos que 232 foron prematuros (7,3%, do total).

Para lograr a súa supervivencia e adecuado desenvolvemento cerebral no Álvaro Cunqueiro desenvolvénse algunhas estratexias terapéuticas como a lactancia materna ou a presencia e implicación dos proxenitores nos seus coidados durante a súa estadía hospitalaria.