A taperia “Adechape”, gañadora do I Concurso de Tostas de Outono de Gondomar

O acto de entrega dos galardóns celebrouse este martes e nel o rexedor, Paco Ferreira, agradeceu o esforzo e gran traballo que está a facer a hostalería de Gondomar “nestes momentos difíciles que nos están tocando vivir a todos e todas” e nos que, asegurou, “o noso goberno estará ao voso lado promovendo axudas e iniciativas que permitan que esta travesía sexa máis fácil para todo o sector”.

Así lembrou que recentemente se aprobou unha partida de 100.000 euros para axudas directas a hostalería e o sector do taxi ás que se suman ideas como este Concurso de  Tostas de  Outono que “tiña como obxectivo fomentar o consumo nos establecementos de Gondomar que concursaban, xa que os usuarios que votaron entraban nun sorteo no que os gañadores serían premiados con vales de 200 euros, 100 e 50 euros que deberán gastar nos establecementos gañadores”.

O primeiro premio recaeu sobre a tosta “Mar e Terra”, con 590,5 votos, na que se combinaban os produtos da terra cos de tempada combinando sobre unha  rebanada de pan de centeo,  ventresca, piquillo, noces, parmesano e  balsámico de módena. Unha  tosta que leva aparellada a entrega da “chaquetilla de chef” oficial do certame e a posibilidade de encabezar o cartel de promoción da seguinte edición. 

O “Bocado do Monte” da xamonería “Catro Camiños” obtivo un total de 556.5 votos, o que lle otorgou o segundo posto, e “Terra, Uva e Cebada” con 496 papeletas ocupou o terceiro lugar coa súa tosta de Mencía e Figos. Ambos recibiron un diploma acreditativo.

 No acto de entrega tamén estiveron os clientes premiados que obtiveron 200 euros, 100 e 50 euros en vales que poderán utilizar en concepto de cea, comida e xantar nos tres establecementos que accederon ás mellores puntuacións, isto é os 200 euros corresponden ao primeiro premio, os 100 ao segundo e os 50 ao terceiro.

O alcalde Paco Ferreira destacou a gran acollida que tivo esta primeira edición do Concurso de  Tosta de  Outono de Gondomar no que participaron preto dunha quincena de establecementos cunha oferta variada e orixinal, e expuxo a súa confianza en que o próximo ano este número de participantes crezca.