A sexta edición do Festival de Cine Inclusivo de Vigo incorpora unha sesión dedicada á igualdade

La Isla de las mentiras, de Paula Cons.

Dentro desta sesión proxectarase a curta de Pedro Almodóvar ‘La voz humana’

Paula Cons estará presentando ‘A Illa das mentiras’, sobre as tres mulleres da  iIlla de Sálvora que salvaron a 48 persoas dun naufraxio

O Festival de Cine Inclusivo de Vigo non deixa de crecer e nesta sexta edición, que  terá lugar do 12 ao 16 deste mes, proxectará 54 pezas audiovisuais en tres  recintos diferentes: o Auditorio do Concello, os Cines Salesianos e o Museo  MARCO. Ademais o evento cinematográfico incorpora tres novas sesións dedicadas á  igualdade, á discapacidade e ao público familiar. Todas as proxeccións son de acceso  libre ata completar aforo. 

Co obxectivo de fomentar unha sociedade máis inclusiva, o festival incorpora unha  sesión de curtametraxes sobre igualdade. Esta sesión terá lugar o sábado 16 no  Auditorio do Concello ás 11 da mañá e proxectaranse oito traballos audiovisuais: ‘La  voz humana’ de Pedro Almodóvar, ‘Mamá no trabaja’ de María Barragán, ‘Monólogo’  de Pilar García Elegido, ‘Before I die’ de Iker Esteibarlanda, ‘Cigarrillos’ de Rosario  Pardo, ‘Dolapo is fine’ de Ethosheia Hylton, ‘The last day of patriachy’ de Olmo  Omerzu e ‘La colcha y la madre’ de David Pérez Sañudo. Despois das proxeccións  terá lugar a charla AGAG sobre ‘Mulleres reais ficticias: o xénero na nova ficción’, na  que participan os guionistas Ángel Manzano e Lidia Fraga. Tamén estará no festival a  directora coruñesa Paula Cons, presentando o seu filme ‘A Illa das mentiras’ o  venres 15 ás 21.00 h. nos cines Salesianos. O filme narra a historia de tres mulleres  que ante o naufraxio dun buque frente a Illa de Sálvora deciden botarse ao mar e  conseguen salvar a vida de 48 persoas. 

As outras dúas novidades do certame son a incorporación de dúas sesións máis. Por  unha parte, o xoves a partir das 17.00 h. no Museo MARCO terá lugar unha sesión  específica de curtas arredor da discapacidade, que conta coa particularidade de  que as curtas de ficción teñen como protagonistas actores con capacidades diversas.  E o sábado ás 11 da mañá tamén no museo MARCO proxectaranse oito curtas  dirixidas ao público familiar, para educar aos pequenos na diversidade.

A inauguración do festival de cine terá lugar o martes 12 no Auditorio do Concello  cunha retrospectiva de Xavier Bermúdez, a quen o certame rende homenaxe por ser o  primeiro director español en gravar un filme cun actor protagonista con síndrome de  down. O martes proxectaranse ‘León y Olvido’ (2004) e ‘Olvido y León’ (2020) en  presencia do propio Bermúdez e da actriz protagonista de ambos filmes Marta  Larralde. Como retrata o deseño do cartel desta edición, creado pola artista de Baiona  Lula Goce, o festival que coincide en datas co Día Mundial da Saúde Mental (10 de  outubre) está dedicado a esta temática. Un tema que é tratado no segundo dos  filmes de Bermúdez, cunha Olvido que padece depresión. 

Ademais das novas sesións, o festival mantén todas as seccións habituáis: o Short-In  Doc de curtametraxes documentais pola inclusión, o Vig-In-Doc de documentais  internacionais pola inclusión, a sección oficial de ficción, a sesión de curtas  audioescritas e subtituladas e o concurso online de webseries, que xa se poden ver e  votar a través da web do festival. 

Un dos obxectivos co que naceu o festival é o de achegar o sétimo arte a tódalas  persoas, por ese motivo varias das sesións do festival son audioescritas e subtítuladas  para facelas accesibles as persoas con xordera ou ceguera. Na sesión de curtas  audioescritas e subtituladas destaca a proxección de ‘Feeling through’ de Doug  Rolland. Este filme, nominado aos premios Oscar, foi o primeiro en estar  protagonizado por un actor con ceguera e xordera. A proxección terá lugar o sábado  16 pola tarde no Auditorio do Concello. 

A Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN) organiza o VI Festival  Internacional de Cine Inclusivo de Vigo, co obxectivo de dar a coñecer, apoiar e  valorar proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión, a  igualdade e a difusión universal da sétima arte. O festival non sería posible sen o  patrocinio e colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), da  Deputación de Pontevedra, do Concello de Vigo e de Fundación La Caixa.