Incrementouse a ocupación, baixou o desemprego e impúxose a presencialidade

Entre o 1 de setembro e o 31 de decembro do 2020 a pandemia aumentou un 44% a carga de traballo das persoas tituladas da Universidade de Vigo. Así se determina no Estudo sobre o impacto laboral da segunda onda da pandemia nos antigos estudantes da UVigo realizado, como os anteriores, polo Observatorio de Persoas Tituladas da Universidade de Vigo coa colaboración do Consello Social. Os datos recollidos deixan agora sobre a mesa importantes conclusións, non só o incremento da carga de traballo, senón tamén o aumento xeral das cifras de ocupación e a baixada do desemprego, así como o feito de que o teletraballo deixou de ser maioritario -durante a primeira onda acadou a porcentaxe do 54% e na segunda descendeu ata o 43%-.

“Queremos agradecer a colaboración dos 2283 antigos estudantes da UVigo que tiveron a ben participar neste segundo estudo, no que avaliamos o impacto laboral da pandemia entre setembro e decembro de 2020, momento en que comezou a campaña de vacinación contra a Covid-19 na maioría de países”, explica o director do observatorio, Luis Espada, ao que engade que, transcorrido un ano, “a día de hoxe podemos gabarnos de que este proceso estea tan avanzado”. Nesta liña, o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, considera que o informe foi realizado “en tempos convulsos e de dificultades e niso reside a súa grandeza”, pois, “é xusto onde a universidade se fai máis insubstituíble e pode prestarnos o seu mellor servizo”. Destacan, neste senso, o labor do observatorio nos últimos anos localizando máis de 70.000 persoas tituladas pola UVigo entre 1990 e 2015 e que hoxe exercen en preto de 70 países, conformándose así “unha poderosa rede de embaixadores propios”.

Participaron no estudo máis de 2000 exalumnas e exalumnos

O traballo de campo deste estudo desenvolveuse entre os días 27 de xaneiro e 5 de abril de 2021, obténdose 2283 respostas válidas e, ao igual ca no estudo realizado en 2020 sobre a primeira onda da pandemia, o impacto  foi abordado desde tres ópticas: laboral, en referencia á incidencia na taxa de ocupación e de desemprego; sanitaria, en relación a porcentaxe de contaxios no ámbito laboral, e, por último, no modo de traballo, é dicir, as medidas organizativas tomadas polas empresas para encarar a pandemia.  Ademais, abordouse dun xeito específico a implantación do teletraballo, incluíndo a súa potencialidade, factores facilitadores, vantaxes, inconvenientes e habitabilidade das vivendas.