A sede de Vigo da Deputación acolle desde o 8 de novembro a exposición colectiva “Un pequeno xardín”

A mostra multidisciplinar comisariada por Marta Fortes, que se poderá visitar ata o 10 de xaneiro, inclúe obras de cinco artistas vencelladas á facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo

A Sala Rosalía de Castro de Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra acolle desde o próximo 8 de novembro e ata o 10 de xaneiro de 2024 a exposición colectiva “Un pequeno xardín. A metáfora dun mundo imaxinado”. Trátase dunha mostra multidisciplinar comisariada por Marta Fortes que inclúe obras de debuxo, pintura, tecidos e escultura de cinco artistas vinculadas á Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo: Maritza Berttolini, Nuria Figueiredo, Marta Fortes, Luján Grassí e Brenda Novas.

Na exposición, a visión das artistas busca achegar aos espectadores a paisaxes baseadas en xardíns que son o reflexo das súas personalidades. Son xardíns que encerran unha concepción do mundo, se ben o conxunto das obras crea un diálogo arredor de dous puntos que todas teñen en común: a natureza como inquedanza e unha forma de traballar semellante. Aínda que as súas modalidades de expresión sexan distintas, todas as artistas traballan mimando os pequenos detalles. As obras que se poderán ver nesta mostra son, en xeral, de pequeno formato, que procuran unha ollada pausada e próxima.

En canto ás artistas desta exposición colectiva que se poderá ver na Sala Rosalía de Castro da Sede de Vigo da Deputación, Brenda Nova (Vigo, 1981) é deseñadora e ilustradora. Estudou Belas Artes na Universidade de Vigo, especializándose máis tarde en Deseño Gráfico no Instituto Europeo de Deseño de Madrid. Viviu en México, onde compaxinou o seu interese polo deseño cos téxtiles tradicionais mexicanos e, de volta a Galicia, deulle forma ao seu proxecto de mundos florais extravagantes. María Luján Grassí (Bos Aires, 1977) cursou estudos de Deseño de Indumentaria Téxtil na Universidade de Bos Aires, onde se especializou en Debuxo e Deseño. En 2006 instalouse en Vigo e dez anos despois comezou a desenvolver a súa faceta como ilustradora.

Maritza Berttolini (Tabasco, México, 1996) é unha artista centrada maioritariamente en transformar as súas ilustracións ao téxtil, como o bordado e o tapiz, xogando coas texturas visuais e tridimensionais. Tras estudar Artes Plásticas no Universitario Bauhaus, en Puebla, a súa obra formou parte de exposicións colectivas e individuais en México e en diferentes puntos de Galicia. Nuria Figueiredo (Ourense, 1986) licenciouse en Belas Artes pola Universidade do País Vasco e estudou Cerámica Artística na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Actualmente ten o seu propio laboratorio de cerámica en Pontevedra, Casa Charmota, e tamén forma parte da Comisión de Artes Plásticas do Liceo Mutante. Ademais, no ano 2020 gañou o concurso Novo Valores, e estivo seleccionada en dúas edicións na Bienal Internacional de Cerámica de Aveiro. Por último, Marta Fortes (Pontevedra, 1980), comisaria da exposición, é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, período no que estudou diferentes cursos en Granada e Londres e gozou dunha bolsa Leonardo en Berlín no obradoiro do escultor José Noguero. Ten, ademais, un máster en Arte Contemporánea na Universidade de Vigo, obtendo a bolsa de pintura José Fernández López no concurso Novos Valores. Recibiu tamén premios no XV Certame de Artes Plásticas da Sala El Brocense, o Premio de Pintura da Universidade de Vigo ou o premio do público na XIX Bienal Internacional de Vilanova de Cerveira en Portugal, entre outros.