A sede da Deputación en Vigo rende homenaxe este xoves ao Hematocrítico no ciclo “A Movida Literaria”

Participan no acto, que terá lugar este xoves 28 de decembro ás 19:30 horas con entrada de balde, María Reimóndez, Marcos Calveiro e Manuel Esteban que reconstruíran o universo de Miguel López a través dos seus enxeñosos textos

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo renderá homenaxe este xoves 28 de decembro ás 19:30 horas, con entrada de balde, ao Hematocrítico no marco do ciclo “A Movida Literaria”.

No acto participarán os escritores María Reimóndez, Marcos Calveiro e Manuel Esteban que porán o foco na literatura infantil e xuvenil reconstruíndo o universo de Miguel Lopez a través dos seus enxeñosos textos, nun sentido acto que servirá ademais para pechar un “tróspido” 2023.

Con este segundo coloquio literario péchase a oferta cultural que a vicepresidenta primeira e delegada da área de Cultura da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, deseñou para a sede viguesa en colaboración con colectivos culturais da provincia para os últimos meses do ano. Un programa que naceu coa vontade, en palabras da vicepresidenta, “de recuperar o papel da cidade como referente cultural, facendo valer a súa calidade artística e a súa posición de liderado á fronte da vangarda cultural de España”.

Ademais de “A Movida Literaria”, que comezou o 16 de novembro cun debate sobre novela negra e social no que participaron Inma López Silva, Francisco Castro, María Xosé Porteiro, Pedro Feijoo e Rexina Vega, a programación deseñada para a sede da Deputación en Vigo contemplou outras dúas iniciativas: a proposta de literatura, poesía e música da man de Culturgal, que tivo lugar a finais de novembro, e a experiencia artística “Ultraluz” que tivo lugar a pasada semana en Vigo e Pontevedra.