A Revolta do Umia, nominado para os  Iberian Festival Awards 2023

O evento, que celebrou este ano a súa quinta edición, está  nominado na categoría de mellor festival en formato pequeno

O festival A Revolta do Umia ven de lograr a nominación nos Iberian Festival Awards 2023 na categoría de mellor festival en formato pequeno.  Esta entidade pretende premiar a iniciativas ibéricas (realizadas en España e Portugal)  no eido dos festivais, promovendo as relacións entre organizadores, produtores,  provedores e interesados en xeral. 

Desde a organización da Revolta do Umia remarcan a satisfacción que supón esta  nominación, que ven a recoñecer o traballo e ilusión inquebrantables dun grupo humano,  cuxo esforzo de moitos meses permite poñer no mapa unha contorna única a través da  cultura.  

A gala dos Iberian Festival Awards celebrarase entre os días 11 e 17 de marzo de 2023  en Maia e Lisboa (Portugal), onde a Revolta do Umia competirá na súa categoría con  festivais como o WOS Festival, Sinsal, Prestoso Fest, Underfest, entre outros.  

Os gañadores dos premios serán decididos, en función da categoría, ou ben por un  xurado, ou ben polo voto do público. Na categoría á que opta o festival A Revolta do  Umia decidirase o gañador por votación do público, a través da plataforma dispoñible  no enderezo web: https://pt.surveymonkey.com/r/IFA2023 

Tanto a lista de nominados, como o acceso á plataforma de voto, están  dispoñibles na web https://www.talkfest.eu/nominees

Sobre A Revolta do Umia 

O festival nace no ano 2017 da man dun grupo de persoas que senten a necesidade de  artellar un proxecto musical diferente, coa contorna rural e natural que rodea ao río Umia como eixe central. Precisamente facendo gala desa singularidade, o cartel musical  ofreceu neste 2022 un heteroxéneo elenco con estilos que van desde o hip hop de Ann  Trash, ao punk rock de Bala, o pop de Igloo ou Grande Amore, o garaxe dos vigueses  Kings of the beach, ou o post-rock de Viva Belgrado, sen esquecer a electrónica nos  pratos de Viktor Flores ou Dj Ozetak.  

Edición do 2023 

A comisión organizadora do festival traballa xa na edición de 2023, da que dará boa  conta nas súas redes sociais nos vindeiros días. E ao igual que este ano, ademais de  música contará cun amplo programa de actividades paralelas: cata sonora, obradoiros  de cerámica, proxección de curtas, obradoiro de dj, obradoiro de percusión, entre outras.