A Reitoría da Uvigo expediu decenas de documentos para que o alumnado se desprace entre provincias as súas vivendas e residencias académicas

A Reitoría da Universidade de Vigo xa expediu decenas de documentos persoais e intransferibles ao alumnado que os solicitou, para que poidan para realizar unha soa viaxe entre provincias galegas co obxectivo de recoller ou desaloxar as vivendas contratadas para este curso e mesmo recoller materiais na súas residencias académicas.

Segundo o acordado polo Centro de Coordinación Operativa (Cecop) o pasado sábado, o estudantado matriculado nalgunha das tres universidades galegas pode desprazarse entre as catro provincias “para os efectos da recollida e desaloxo, no seu caso, dos aloxamentos contratados para o curso 2019/2020, ou a recollida de materiais nas residencias universitarias”.

O acordo tamén establece que será cada universidade a que habilite o procedemento correspondente, emitindo certificación persoal e intransferible para a realización dunha soa viaxe, indicando as persoas interesadas a data e enderezo do aloxamento e destino.

Neste sentido, a Universidade de Vigo estableceu que as e os estudantes que teñan que desprazarse dunha a outra provincia galega deberán solicitarlle á Reitoría ao correo sreitor@uvigo.gal un documento persoal e intransferible para realizar unha única viaxe, facendo constar a data da viaxe, así como os enderezos dos aloxamentos de orixe e destino.

Desde o momento no que se fixo pública resolución do Cecop, a Reitoría da UVigo recibiu, tramitou e enviou ao estudantado que o solicitou as certificacións correspondentes que lles permitirán realizar un desprazamento interprovincial co obxectivo de recoller apuntes e outro material educativo que precisen, así como efectos persoais e mesmo desaloxar as vivendas ou residencias que ocupaban este curso.