A productora Loba Films inicia a rodaxe de «Dúas Cores» no Baixo Miño

Terá lugar os días 11.12 e 13 de agosto en Tomiño e o Rosal

A produtora galega Loba Films inicia hoxe a rodaxe de Dúas Cores, o novo proxecto audiovisual da directora Cris Yáñez. Nesta ocasión a valdeorresa aposta por unha curta intimista que fala sobre a infancia e na que os veráns e a paisaxe do rural galego son elementos claves. Adquiren así especial importancia emprazamentos como o pobo de Vilachán do Monte, no concello de Tomiño, ou os Muiños do Folón e do Picón, en O Rosal.

Outro rasgo a destacar é a banda sonora. Crearase unha peza orixinal coa colaboración do compositor Andrés Álvarez Hernández xunto coa Agrupación Musical de Goián. As protagonistas que lle dan vida ó proxecto son Claudia Basallo e Sira Rodriguez, novas promesas do cinema galego. A productora conta tamén coa colaboración de actrices consolidadas como Mela Casal ou Melania Cruz. Ambas recoñecidas pola súa interpretación en series tan exitosas como Mareas Vivas ou Serramoura, respectivamente.

Loba Films é unha produtora audiovisual independente que xorde no ano 2019 como proxecto académico dun grupo de alumnos de comunicación audiovisual. Dende ese momento este grupo segue creando proxectos únicos e especiais, resaltando o poder da muller e da paisaxe galega. Deste xeito, manifestan novamente a súa necesidade de dar voz a historias ocultas.

Ata o momento realizaron dúas pezas máis: A ninguna parte de Pedro Vilas e Na memoria da túa esposa, tamén de Cris Yáñez. Grazas a estas curtas foron seleccionados e galardoados en festivais de cine de gran importancia como o Curtas Armadiña, Curtocircuito, Festival de Cine de Zaragoza, XoCIVIGA, Cans, Primavera do Cine, etc. Tamén realizaron un videoclip titulado “Drifting Away” dirixido por David Cruces en colaboración cunha cantante danesa.