Unha misión hispano-marroquí de 30 persoas traballou durante 17 días no xacemento
A primeira campaña arqueolóxica internacional da Universidade de Vigo vén de rematar con moi bos resultados. Durante 17 días un equipo marroquí e español de ata 30 persoas interveu no xacemento de Tahaddart co obxectivo de afondar no coñecemento desta factoría de salgadura e tamén no comercio en época romana na fachada atlántica marroquí, a antiga provincia da Mauritania Tingitana. Os traballos, desenvolvidos por membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da UVigo e do Institut National des Sciences de l’Archéologie et du Patrimoine (INSAP) e doutras institucións marroquís, permitiron ampliar as dimensións coñecidas do xacemento, descubrindo novas factorías de salgadura romanas e numerosos restos materiais, entre eles unha mostra de peixe, a primeira deste tipo que se analizará.
O proxecto, que ten unha duración de cinco anos, realízase ao abeiro dun convenio de colaboración en materia de patrimonio cultural asinado entre a Universidade de Vigo e o INSAP, do Ministerio de Cultura do Reino de Marrocos. Ademais, a campaña arqueolóxica en Tahaddart deste ano está financiada polo Ministerio de Cultura de España, a través da súa convocatoria para escavacións no exterior, e o estudo do comercio en época romana na costa marroquí está financiado para o período 2021-2025 pola Xunta de Galicia, a través da convocatoria para proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente.
Colaboración frutífera
O xacemento de Tahaddart sitúase no norte de Marrocos, a uns 20 quilómetros ao sur da cidade de Tánxer, nunha lingua de area entre o océano Atlántico e unha gran lagoa interior. Trátase dun complexo de época romana en moi bo estado de conservación no que destacan as súas grandes fábricas de salgadura de peixe. A primeira actuación de campo no xacemento marroquí arrancou o pasado día 29 de outubro e prolongouse durante 17 días, sendo codirixida polo arqueólogo do GEAAT Adolfo Fernández e polo profesor e vicedirector do INSAP M. Kbiri-Alaoui e pola profesora da Universidade de Kenitra Meriem Hansali. O equipo da UVigo que traballou en Tahaddart estivo formado por nove persoas, persoal investigador e profesorado da Facultade de Historia do campus de Ourense, e un profesor da universidade lusa de Coimbra colaborador habitual deste equipo. A parte marroquí estivo formada por profesorado e alumnado de diferentes universidades e doutras institucións (como a Direction du Patrimoine Culturel) e 15 obreiros. “A colaboración entre nós foi moi frutífera, estamos moi satisfeitos co traballo desenvolvido conxuntamente. A experiencia foi fantástica. Superáronse as dificultades do inicio e os vindeiros anos todo será moito máis sinxelo”, comenta Adolfo Fernández.
Sobre os resultados acadados, o arqueólogo da UVigo sinala que son moi positivos. “Cando se chega por primeira vez a un xacemento sempre é difícil, e máis en casos coma este, que é un xacemento que leva sen escavarse desde o ano 1960 e a súa fisionomía cambiou moito desde entón, estando agora cuberto por unha fraga con árbores de grandes dimensións”, explica. Por este motivo, a intervención arrancou coa limpeza das zonas onde se localizaban os vestixios arqueolóxicos e a busca daqueles restos que se coñecían do xacemento polas publicacións existentes sobre a intervención arqueolóxica que nos anos 60 do século pasado levaron a cabo en Tahaddart M. Tarradell e M. Ponsich. “Grazas a esta limpeza conseguimos localizar todas as zonas de intervención localizadas nos anos 60”, sinala Adolfo Fernández. Alén desta limpeza, globalmente tamén se fixo unha xeolocalización do xacemento, para ter unha base topográfica coa que traballar durante os vindeiros anos do proxecto.