A Praza da Estación xa está conectada con Urzáiz e Vía Norte a través dun ascensor

O Concello rematou as obras de implantación do novo ascensor que une a Praza da Estación co cruce de Urzáiz e Vía Norte ao que dedicou 386.914 euros

Este novo elemento do Vigo Vertical permite salvar 12 metros de altura, ten capacidade para 13 persoas e pode funcionar ata un máximo de 240 veces por hora

Abel Caballero participou esta mañá na inauguración do novo ascensor que conecta a Praza da Estación coa confluencia das rúas Urzáiz e Vía Norte, un proxecto que permite salvar 12 metros de altura e que custou 386.914 euros. Nesta zona, explicou o rexedor, había unha escaleira de 82 banzos para evitar un rodeo de 200 metros pola rúa Baixada á Estación. Ten capacidade para 13 persoas e pode funcionar ata un máximo de 240 veces por hora. Respecto do deseño, ten un vidro no fronte que dá á Praza da Estación, permitindo unha visión panorámica do contorno.

O proxecto incluíu a execución dunha lousa de 223 m2 a cota de ambas rúas o que permite o desembarco do ascensor e a ampliación das rúas coa conseguinte mellora do tránsito peonil ao desmontarse a varanda que existía sobre o muro de contención. A beirarrúa de Urzáiz amplíase en 5 metros, desde os 3,40 ata os 8,40 metros. Pola súa banda, a de Vía Norte, pasa de 1,80 a 3,40 metros. A humanización do contorno tamén incorporou a renovación de redes e iluminación, ademais dunha nova xardineira.