“A pousada do Tru-Trú” chega ao Auditorio Municipal en favor de Discamino

A representación será o domingo 29 de maio ás 18 horas no Auditorio Municipal

A obra de teatro da compañía Desfeita Teatro foi presentada no Concello polo alcalde, que estivo acompañado da directora da obra e da Sala Ártika, Fernanda Barrio, e o representante de Discamino e membro da agrupación teatral, Jacobo Santamarta

“A pousada do Tru-Trú” chega este domingo ás 18 horas ao Auditorio Municipal en favor de Discamino. Trátase dunha función benéfica en favor deste proxecto que naceu para axudar ás persoas con discapacidade a facer o Camiño de Santiago cumprindo así os seus soños. Será unha representación de recadación inversa, un exercicio de responsabilidade do espectador, que pagará ao final da obra o que considere oportuno.

Abel Caballero puxo de manifesto a importancia da acción e animou á cidadanía a acudir ao Auditorio o domingo. O Concello cedeu o espazo do Auditorio á compañía para a representación benéfico co obxectivo de sacar adiante a función.

«A pousada do Tru-Trú»

Esta obra pertence ao xénero teatral da comedia do arte; un teatro popular que naceu a mediados do século XVI en Italia, baseado no humor e a comedia; chea de xiros dramáticos, intrigas, acrobacias, bailes…, con persoaxes populares que representaban un rol determinado da época: Pantalone, o Doutor, os criados, Arlequín, Pulcinella, o Capitán, Colombina… No argumento teñen cabida peripecias e tramas, aventuras e desventuras de namorados, onde abundan a improvisación, a complicidade co público, a burla e a crítica social.

A Pousada do Trutú preséntanos unha compañía de teatro en decadencia. A acción desenvólvese nunha pousada onde se exerce “a profesión máis antiga do mundo”. O xeneral Cataplúm namórase de Colombina pero estala a guerra en París, o que obriga ao xeneral a marchar coa promesa dunha solemne voda ao seu regreso. Durante a espera, Colombina espertará o amor doutros clientes que farán o imposible por roubar o corazón de Colombina, que agarda resignada o regreso do xeneral Cataplúm. Mentres tanto Quintina e Madame vixiarán para que “o negocio” non decaia.