Os axentes identificaron a varias persoas nun dispositivo nocturno de prevención e loita contra o furtivismo mentres extraían marisco de forma ilegal
Levantaron 3 actas de infracción, entregaron o marisco comisado a catro centros benéficos da cidade de Vigo e interviron varios útiles para a súa extracción
Axentes da Policía Autónomica comisaron o pasado venres, 5 de xuño, 37 quilos de percebe xunto con diverso material utilizado para a súa extracción.

Os axentes estaban a realizar labores de prevención e loita contra o furtivismo no concello da Guarda e durante un dispositivo nocturno de control observaron na parroquia de Camposancos a varias persoas extraendo marisco ás que recolleu un vehículo no que depositaron varios útiles.
Ante a imposibilidade de acceder á zona onde se atopaban, os axentes esperaron para proceder a interceptar o vehículo e identificaron aos tres ocupantes, aos que levantaron tres actas de infracción da Lei de Pesca de Galicia.

Ademais do comiso de 37 quilos de percebe intervíronse 2 rasquetas, 2 lanternas, 2 traxes de neopreno, 2 gafas de buceo, 2 capachos, 2 pares de escarpíns e 3 salabardos máis os que conteñen o percebe. O marisco comisado foi repartido entre catro centros benéficos da cidade de Vigo.
