A candidatura pon en valor a defensa da auga como ben de acceso universal e a reivindicación do monte común como fonte de riqueza

Os premios, convocados polo Parlamento Europeo, van dirixidos a proxectos que promocionen os dereitos fundamentais

O Parlamento Europeo xa ten sobre a mesa a candidatura da Plataforma ‘A Auga é Vida’ para os Premios Cidadán Europeo 2021. O traballo realizado para reivindicar a biodiversidade e a protección da auga como ben de acceso universal figuran entre os criterios para a nominación dun colectivo que naceu hai máis de tres anos para defender os mananciais e o patrimonio natural do concello de Mos fronte ás pretensións de construír un macrocentro comercial en terreos comunais cualificados como “rústicos de protección forestal”.

As accións promovidas dende á plataforma ‘A Auga é Vida’ nos últimos anos contribuíron á concienciación social sobre a importancia do monte veciñal “nas súas múltiples vertentes, social, económica e ambiental, “dada a necesidade da súa valorización como elemento de creación de emprego e de xeración de riqueza”. Na descrición do proxecto recollida na candidatura, ademais, o traballo realizado en Mos, durante máis de cinco décadas, polas traídas veciñais de augas, “herdeiras dunha maneira de autoxestión e construción cultural e unha das máis ricas expresións da xestión ambiental participativa existentes no noso país”.

Dia das Letras Galegas

A plataforma ‘A Auga é Vida’ naceu da agrupación das comunidades de augas afectadas pola recalificación dos terreos de protección forestal, xunto coa Asociación de Veciños da Portela, a Comunidade de Montes de Tameiga e numerosas persoas comprometidas, a título individual, coa defensa dos mananciais e o patrimonio natural.

Segundo sinalan o proxecto impulsado polo R.C. Celta e o goberno municipal non garante o abastecemento para as 5.600 persoas que actualmente dependen dos mananciais ameazados e a propia Confederación Hidrográfica Miño-Sil emitiu un informe desfavorable para a construción da área comercial. Por outra parte, a Plataforma reivindicou en reiteradas ocasións a urxencia que ten a sociedade para garantir a conservación da auga como ben común, así como o acceso universal a este ben de primeira necesidade.

Premios do ‘Cidadán Europeo’

O Parlamento Europeo convoca todos os anos os Premios do Cidadán Europeo, dirixidos a persoas ou colectivos que traballan en defensa dos dereitos fundamentais e os valores fundacionais da Unión Europea. Entre eles figura a protección do medio ambiente e a necesidade de poñer en marcha políticas que garantan un desenvolvemento sustentable.

Poden optar a estes galardóns aqueles proxectos que sirvan para promocionar unha mellor comprensión mutua e unha maior integración entre a cidadanía dos estados membros, así como aqueles que afonden nunha cooperación cultural transfronteiriza ou transnacional a longo prazo que contribúa ao reforzo do espírito europeo.