A ordenanza de terrazas facilitará máis espazo para mesas e permitirá instalacións permanentes

A ordenanza municipal de terrazas que está en tramitación posibilitará o uso de máis espazo -retirando prazas de aparcamento se así fora preciso- e permitirá instalacións permanentes non ancladas

O alcalde mantivo esta mañá un encontro co presidente e a tesorera de FEPROHOS (Federación provincial de empresarios de hostalería), César Ballesteros e Beatriz Carballido, respectivamente, ademais dos vogais Rubén Pérez e Marcelo Martín. Tal e como explicou o rexedor a reunión tiña por obxectivo trasladar ao sector a filosofía da ordenanza municipal de terrazas que se atopa nestes momentos en período de exposición pública. A nova normativa seguirá permitindo a aproveitamento do solo con taxa cero, facilitaranse ampliacións retirando prazas de aparcamento, se fora necesario, para que as beirarrúas permitan compatibilizar peóns e terrazas e autorizaranse instalacións permanentes para habilitar espazos abertos e ventilados. Neste punto, explicou que será preciso manter un criterio estético por zonas e precisou que non poderán ser ancladas. Ao respecto solicitou a FEPROHOS a suxestión de modelos ao tempo que avanzou que se estudará dar facilidades financeiras. Ademais, os establecementos que xa teñen sistemas tradicionais poderán mantelos durante un tempo para non sobrecargar nestes momentos os seus gastos. A intención do goberno local, dixo, é proporcionar máis e mellor espazo para que a hostalaría poida desenvolver o seu traballo ao tempo que se mantén unha estética común.

En rolda de prensa, Caballero avanzou que a semana que vén volverá reunirse co sector, unha vez rematado o período de exposición pública da ordenanza e unha vez celebrado o Consello de ministros -que probablemente será o venres – no que se dará conta de 11.000 millóns en axudas. Respecto dos resto das administracións, tamén lles trasladou que a Xunta non distribúe entre os damnificados do sector os 431 millóns que recibe de fondos europeos para compensar á hostalaría polos peches sanitarios.

O alcalde tamén se referiu aos asesores covid, que xa retomaron a súa actividade de aconsellar a hostaleiros e clientes, nunca de sancionar.