A Oficina de Atención á Vítima e á Cidadanía de Vigo pon en marcha a cita previa por internet

Desde hoxe, na páxina www.xustiza.gal, pódese reservar quenda, de luns a venres, para consultas co psicólogo e a traballadora social, así como para servizos xerais

O obxectivo da implantación deste sistema é facilitar os trámites e evitar a coincidencia de varias persoas na sede

A Oficina de Atención á Vítima e á Cidadanía de Vigo comezou hoxe a funcionar con cita previa a través de internet. O obxectivo da implantación deste novo sistema é, por unha banda, facilitar os trámites aos/as usuarios/as e, por outro, evitar a coincidencia de varias persoas nas instalacións, así como os desprazamentos innecesarios. Desde hoxe, na páxina www.xustiza.gal, pódese reservar quenda para consulta co psicólogo e a traballadora social, así como para os servizos xerais presenciais que se realizan de 9 a 14 horas.

A páxina permite descargar os modelos que hai que cumprimentar para realizar xestións relacionadas con procesos monitorios, solicitudes xerais (cambios de domicilio, achega de documentos a procedementos xudiciais, alegacións, acompañamento de escritos), peticións de execución de sentenzas ou demandas de internamentos psiquiátricos. Todos estes formularios deben entregarse debidamente cubertos, sen cita previa, na Oficina de Rexistro e Reparto dos Xulgados de Vigo, en horario de 9 a 15 horas.

A Oficina de Atención á Vítima e á Cidadanía de Vigo informa na web www.xustiza.gal que as tramitacións de xustiza gratuíta deben realizarse a través do Colexio de Avogados de Vigo, a entidade encargada da súa xestión. Os certificados de antecedentes penais e delitos sexuais pódense solicitar de maneira telemática, a través da páxina web do Ministerio de Xustiza, ou presencialmente, con cita previa, no Rexistro de Facenda.

O resto de oficinas de atención á vítima e á cidadanía de Galicia poñerán en marcha este sistema de cita previa nos próximos días. Este novo servizo, cuxa implantación se realiza desde a Axencia para a Modernización  Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dependente da Xunta, enmárcase dentro das medidas adoptadas na nosa comunidade para facer fronte á COVID-19 no ámbito da Administración de Xustiza.