A nova unidade de Hospitalización Psiquiátrica Infanto-Xuvenil xa está operativa

O novo dispositivo hospitalario, dirixido ao ingreso dos menores con problemas de saúde mental, iniciou hoxe o seu funcionamento con 3 pacientes hospitalizados

A Xunta realizou un investimento de 1,3 millóns de euros nas novas dependencias, que contan cun espazo de 740 m2 

A Unidade, a segunda de Galicia, é referencia para as provincias de Pontevedra e Ourense

Conta cun equipo de 20 profesionais: 2 psiquiatras,1 psicóloga clínica, 1 traballadora social, 1 terapeuta ocupacional, 7 enfermeiras e 8 técnicos en coidados auxiliares de enfermería

A nova Unidade de Hospitalización de Saúde Mental Infanto-Xuvenil iniciou hoxe o seu funcionamento no Hospital Álvaro Cunqueiro. Así, as novas dependencias xa acolleron aos 3 primeiros pacientes, menores con problemas de saúde mental.

A Xunta de Galicia realizou un investimento de 1,3 millóns de euros nas novas instalacións que contan cun espazo de 740 metros cadrados.

A nova Unidade, que dará asistencia específica aos menores de 16 anos con problemas agudos saúde mental, é a segunda de Galicia (existe outra en Santiago). De feito, funcionará como referencia para todo o sur da comunidade galega  (incluíndo as áreas sanitarias de Vigo, Pontevedra e o Salnés, e a área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras), e permitirá facer fronte ao incremento da demanda que se observa nestas patoloxías, especialmente intentos de suicidio, trastornos de conduta alimentaria ou trastorno psicóticos.

O equipo de persoal que presta asistencia nestas dependencias está integrado por 20 profesionais: 2 psiquiatras, 1 psicóloga clínica, 1 traballadora social, 1 terapeuta ocupacional, 7 enfermeiras e 8 técnicos en coidados auxiliares de enfermería.

Este ano, o servizo de Psiquiatría leva rexistrados 70 ingresos de menores con patoloxías psiquiátricas, que ben eran hospitalizados en Pediatría ou tiñan que ser derivados á Unidade especializada de Santiago. A partir de hoxe, estes pacientes xa dispoñen dunha hospitalización específica e especializada para esta atención no Álvaro Cunqueiro.

Unha  área “humanizada”

A nova Unidade conta con entrada propia pola zoa sur do edificio hospitalario e dispón dunha área asistencial con seis habitacións que poden facerse dobres; área de terapia; e área de estar –con aula, sala de xogos, despacho docente, e sala de espera de familiares-. Conta tamén cunha zoa de consultas, de investigación e docencia.

Trátase dun espazo humanizado, construído con madeira e cristal, cunha estética moi coidada que ofrece un entorno acolledor e confortable, no que prima a relación co exterior, a luminosidade, a claridade nos accesos e circulacións, a discreción e a privacidade. Incluso dispón dun pequeno xardín con céspede artificial, plantas e flores.

Importantes melloras

Con esta nova dotación, a Consellería de Sanidade da cumprimento ao previsto no Plan de Saúde Mental de Galicia, que contempla un importante incremento de recursos para mellorar a asistencia ás patoloxías psiquiátricas, con especial atención á infancia e mocidade.

Neste contexto, nos últimos tempos na Área de Vigo púxose en marcha un Hospital de Día Infanto-Xuvenil no Nicolás Peña, servizo que desenvolve terapias intensivas e evita ingresos de rapaces e rapazas con problemas de saúde mental, e que conta cun comedor terapéutico. Ademais, tamén abriuse unha segunda unidade ambulatoria dirixida a menores no Cunqueiro.

En xeral, experimentouse un incremento moi significativo de todos os recursos dirixidos  á saúde mental, xa que ademais dos destinados á atención infantil, tamén dotouse de máis medios á atención de adultos, como a creación das Unidades de Saúde Mental de Ponteareas e Tui; a Unidade de Prevención do Suicidio; a Unidade de Multidisciplinar de Demencias; ou o Programa de Atención Sociosanitaria a Residencias, entre outras actuacións.

Incremento de profesionais

Todas estas novas dotacións supuxeron reforzar o cadro de persoal para a atención a sáude mental na Área Sanitaria de Vigo con 22 psiquiatras máis (un 78%)  ao pasar de 28 a 50; e 12 psicólogos máis (un 75%), ao pasar de 16 a 28; así como novas prazas de traballadoras sociais, persoal de enfermaría, TCAES e terapeutas ocupacionais.