“A Consellería de Educación leva desaparecida desde que se decretou o estado de alarma”, dixo a candidata
A cabeza de lista por Pontevedra da Marea Galeguista, Peque González, e a tamén candidata, Estela Rodríguez, mantiveron este mércores un encontro en Vigo con Bertila Fernández, de Foanpas, para tratar a problemática da volta ao curso escolar e as demandas das nais e pais no referido á atención do alumnado.
Para a candidata, a situación actual é de emerxencia tras a crise sanitaria e considera que é fundamental que os alumnos volvan á educación presencial: “A nosa aposta é que haxa un incremento de profesorado e unha baixada das ratios de alumnos por clase, mentres que o que a consellería plantexa é seguir como antes da crise”. Nese sentido, incidiu en que a seguridade ha de ser prioritaria: “Propoñemos a elaboración dun plan que permita que a actividade sexa presencial, en especial nas etapas máis baixas. Para garantir a seguridade plantexamos a necesidade dun plan de actuación en caso de rebrotes e, desde logo, unha comunicación bidireccional coas familias, que esta vez non existiu. A consellería estivo desaparecida desde que se decretou o estado de alarma”.
Pola súa banda, Bertla Fernández lembrou que será fundamental dedicar tempo á orientación psicolóxica das nenas e nenos, ante a situación traumática que viviron: “Cando empezou a pandemia démonos conta de que a situación dos nenos e das familias é o primeiro que hai que atender e poñer ferramentas para retomar a volta á realidade. Hai que ter en conta que había nenas e nenos desatentidos e familias que non lles dispoñían do equipamento para o traballo na casa. Esas situacións traumáticas, e o impacto emocional que puideron ter nas nenas e nenos, preocúpannos moito”.
Para o novo curso, a candidata da Marea Galeguista propuxo “un plan de formación do profesorado para preparalos para atender esas situacións problemáticas que se poidan dar”. Nese sentido, incidiu en que nin o profesorado nin as familias poden ser culpabilizados de todo. Peque González tamén apoiou a reclamación de Foanpas dunha xefatura de educación na cidade. ”Precisamos ter unha xefatura de educación en Vigo. Somos unha área con moita poboación, o que fai que precisemos unha atención específica”, dixo Fernández.

