A macrosala de xuízos da Cidade da Xustiza acollerá mañá a súa primeira vista

A sala, con capacidade para unhas setenta persoas como público, é a máis grande das sedes xudiciais galegas

En marzo está previsto que acolla o primeiro xuízo con tribunal do xurado, que será o relativo a un asasinato en Chapela

A macrosala da Cidade da Xustiza de Vigo, a máis grande de Galicia, con capacidade para ao redor de setenta asistentes como público, estrearase mañá coa celebración dunha vista oral do Xulgado do Penal número 2, na que se axuizará a catro sospeitosos de cometer un delito contra a facenda pública. O mesmo órgano xudicial ten sinalado outros dous xuízos: o mércores desta semana, no que se sentarán no banco dos acusados catro persoas por cometer, presuntamente, un delito de atentado; e os días 30 e 31 de xaneiro e 1, 2 e 3 de febreiro. A esta última vista están citados cinco acusados dun delito contra os dereitos dos traballadores.

O Xulgado do Penal número 3 de Vigo tamén sinalou nas instalacións os días 6, 7 e 8 de febreiro un macroxuízo con 25 sospeitosos de cometer un delito contra a facenda pública. Pola súa banda, o Xulgado do Penal número 1 ten dúas vistas previstas na macrosala nos próximos meses: o 9 de febreiro, por un delito de lesións con instrumento perigoso; e o 2 de marzo, por un delito de frustración na execución.

O primeiro xuízo con tribunal do xurado que acollerá a sala, situada na planta baixa da Cidade da Xustiza, será o do coñecido como crime de Chapela, que está previsto que comece o 20 de marzo e que dure toda esa semana. Nel, xulgarase a un home acusado de asasinar a un veciño da localidade.