A II Feira Vegana e Sostible de Galicia chega aos 200 expositores

Abel Caballero presentou xunto á organización a segunda edición da feira deste sector máis grande de Europa, que duplica os expositores con respecto a súa estrea o ano pasado e terá representación internacional de Estados Unidos e Reino Unido

A II edición da Feira Vegana e Sostible de Galicia celébrase en Vigo os días 1, 2 e 3 de xullo no Instituto Ferial de Vigo. O alcalde e a organización presentaron en rolda de prensa a que é “a feira vegana e sostible máis grande de Europa”.

Este ano haberá máis de 200 expositores, o dobre que o ano anterior, e ocuparán 11.000 metros cadrados do IFEVI. A inauguración será o 1 de xullo ás 11:30 horas.

A organización destaca este ano a internacionalización, coa chegada de expositores e visitantes desde Liverpool e Texas, entre outros.

Entre as actividades destacan as últimas novidades gastronómicas do sector vegano. Haberá exposicións de calzado, moda, cosmética, sector vinícola e cervexeiro, artesanía, xoguetes e pequenos electrodomésticos. Haberá obradoiros para os máis pequenos e concertos, charlas e showcookings para o público familiar.