Como vén sendo habitual, a humanización suporá a renovación das redes soterradas de saneamento e abastecemento de auga, pluviais, beirarrúas máis amplas de granito, pasos de peóns adaptados, máis verde, iluminación con eficiencia enerxética e novo mobiliario urbano como bancos ou papeleiras.
A obra presenta un orzamento lixeiramente superior aos 565.000 euros e un prazo estimado de sete meses de obras, e comeza unha vez concluída a remodelación da Ronda de don Bosco, unicamente pendente da inauguración, segundo comunicaron Caballero e Silva durante a visita.
Concello e Deputación interveñen nesta primeira fase entre as rúas Ronda de Don Bosco e Venezuela e o alcalde xa avanzou que a humanización continuará nunha segunda etapa coa parte alta de Taboada Leal. Ademais, “xa imos empezar o estudo para a humanización da rúa Ecuador”, trasladou Caballero en rolda de prensa posterior.
Tamén no entorno, o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal que elabora o Concello de Vigo prevé actuar sobre a esquina conformada por Ronda, Taboada Leal e o canellón de Salesianos, a entrada baixa ao colexio, unha mazá que se atopa en estado “moi deficiente”.

