A Gramola Gominola actúa este domingo en Pazos de Borbén ao abeiro do programa “Musigal”

A praza do Concello será o escenario do rock & roll da banda, dentro desta iniciativa da Deputación para achegar a música galega e en galego e fomentar o uso da lingua

A Gramola Gominola chega o domingo 27 de agosto ao concello de Pazos de Borbén ao son do rock and roll e da man da Deputación de Pontevedra. A banda de rock infantil actuará ás 19:00 horas na praza do Concello no marco do programa “Musigal”, que busca contribuír e promover a música galega e en galego nos concellos da provincia á vez que se fomenta o uso e a normalización social da lingua.

O grupo musical composto por Paco Cerdeira (guitarra e voz), Paula Romero (voz), Anxelo de Xermar (baixo) e Rodrigo Muñoz (batería) tocará algúns dos seus temas máis coñecidos, como ‘He ho let’s go’, ‘Carmela, non hai coma ela!’ ou ‘Campión internacional’. Formada en 2013, A Gramola Gominola conta con recoñecementos como o Premio Martín Códax da Música 2018 a mellor grupo infantil.

Actualmente a banda ten publicados 3 libro-CDs: ‘A Gramola Gominola’, que serve como viaxe pola música contemporánea con ritmos de blues, country, rock, pop, puck, reggae, heavy metal e ska; ‘Música para desafinar’, cun estilo máis orientado ao rock & roll en galego; e ‘Bravas. O rexurdir da luz’ que ten como protagonistas unhas superheroínas que tratan de cambiar o mundo cos seus poderes para enfrontarse ao abuso escolar, defender o galego, protexer a natureza e dar visibilidade ás emocións.