A finais de século o verán durará o dobre que na actualidade en rexións do Norte de África e Oriente Medio

Un estudo no que participa a UVigo realiza unhas simulacións que indican que a zona pasaría a estar durante medio ano en condicións de calor extrema

Un equipo científico das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Complutense de Madrid e CSIC, liderado desde o campus de Ourense polo Grupo Ephyslab (Centro de Investigación Mariña-UVigo), vén de publicar un estudo no que se sinala que a finais deste século o verán durará o dobre que na actualidade en rexións do Norte de África e Oriente Medio. As simulacións realizadas nel indican que a rexión pasaría a estar durante medio ano en condicións de calor extrema debido ao cambio climático.

Os resultados foron publicados recentemente na revista International Journal of Climatology nun artigo titulado Projected changes in the season of hot days in the Middle East and North Africa, asinado por Rubén Varela, Laura Rodríguez-Díaz, Maite de Castro e Moncho Gómez-Gesteira, da Universidade de Vigo; Xurxo Costoya, da Universidade de Santiago de Compostela; e David Barriopedro e Ricardo García-Herrera, da Universidad Complutense de Madrid e do Instituto de Geociencias-CSIC.

Extensión maior cara a primavera

No seu estudo, as e os investigadores analizaron un conxunto de proxeccións climáticas rexionais no Norte de África e Oriente Medio, con datos procedentes do proxecto Cordex (Coordinated Regional Downscaling Experiment). Concretamente, analizaron os cambios no momento e a duración da tempada de días cálidos na rexión de Medio Oriente e Norte de África desde 1970 a 2099 utilizando simulacións de once modelos rexionais. Entre os resultados acadados no traballo, as e os seus responsables destacan que na zona estudada “os resultados indican que o verán adiantaríase case dous meses, dándose condicións estivais xa no mes de maio, que se manterían ata o mes de outubro”. Con estas proxeccións para finais de século, engaden, “a rexión atoparíase durante medio ano en condicións de calor extrema, é dicir, o verán duraría o dobre que na actualidade”. Segundo o estudo realizado estes cambios serían máis acentuados no sur da rexión, nas rexións subtropicais do continente africano.

En xeral, detallan as e os investigadores, no estudo realizado “proxéctase un alongamento non simétrico da tempada de días calorosos, con tendencia a estenderse máis en primavera que no outono”. No escenario contemplado, engaden, a finais de século “África Occidental e o Golfo Pérsico amosan unha tempada de días cálidos que comezaría 60 días antes que no período histórico 1970-1999 (maio fronte a xullo, respectivamente)”. As latitudes máis austrais, sinálase no artigo publicado, “serían as máis afectadas por este retroceso tardío da tempada de días calorosos, de ata 60 días con respecto ao período histórico (outubro versus agosto)”. Segundo os datos recollidos e as proxeccións realizadas, “a duración da tempada extrema aumentaría entre 100 e 120 días para as latitudes máis ao sur e o Golfo Pérsico, o que resultaría en case catro meses máis con condicións de días calorosos”.

“Esta maior duración do verán levará asociada unha maior frecuencia de ondas de calor, o que aumentará o risco climático nesta rexión do mundo, que xa de por si é moi vulnerable dado o seu continuo incremento de poboación, a súa dependencia da agricultura e a súa escaseza de recursos”, comentan as e os autores do traballo. As dificultades para a adaptación e a calor extrema, engaden, “posibilitarán o aumento da mortalidade, a fame e as migracións descontroladas”.

Aínda que non é o obxecto de estudo deste traballo, o artigo tamén inclúe unha pequena referencia aos posibles cambios na península ibérica, apuntando cara finais de século un aumento da tempada de días cálidos duns 80 días, tempada que comezaría 45 días antes e remataría 36 días máis tarde que na actualidade.