A feira da cervexa artesá de Vigo trasládase ao Náutico con dez días de actividades

O Concello colabora cos organizadores na terceira edición dun evento que se celebrará do 8 ao 17 deste mes, con charlas, catas, concertos e obradoiros

Poderase degustar un centenar de cervexas artesás, maioritariamente de Vigo e a súa área

A feira da cervexa artesá de Vigo crece na súa terceira edición, en espazo, actividades e días, para retomar o pulso tras dous anos sen Birraseto Fest pola irrupción do Covid.

A cita terá lugar no Náutico desde este venres e ata o próximo domingo, 17 de abril, coincidindo coas vacacións da Semana Santa, tal e como subliñou o concelleiro de Comercio, Ángel Rivas, quen participou este martes na presentación do Birraseto xunto aos organizadores, Esteban Loureiro e Raúl Méndez.

Serán máis de dez marcas de cervexa artesá e máis de cen variedades para degustar ao longo de dez días, nun programa que se complementa con catas, cursos de elaboración de cervexa na casa, visitas a fábricas, obradoiros infantís, charlas e concertos. Entre as bandas contratadas, Losto Kinsky, El pelotón de los torpes e Gago e Mario,entre outros.

Loureiro puxo en valor que tanto as bebidas como os camións de comida e os grupos que actuarán son na súa gran maioría de Vigo e entorno: “Queremos que todo repercuta na cidade”, subliñou. Ademais dunha carpa por se chove, os organizadores teñen elaborado un protocolo Covid con aforo limitado, separación entre as mesas e xel hidroalcólico.