A estudante da Uvigo, Lucía Amaro, acada unha bolsa da European Microwave Association para traballar no deseño e modelado de antenas en THZ no IHP de Leibniz

Como “unha oportunidade única, destas que só se presentan unha vez na vida”, considera Lucía Amaro Losada (Monforte de Lemos, 1999) a confirmación de ser unha das cinco beneficiarias das bolsas que outorga a European Microwave Association (EuMA), dotadas con 4500 euros para realizar unha estadía de mínimo tres meses nun dos centos máis prestixiosos de Europa no campo da microondas. The Leibniz Institute for High Performance Microelectronics, IHP, en Alemaña, será o destino, entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, da graduada en Enxeñaría en tecnoloxías de telecomunicación pola UVigo e actualmente estudante do Máster en Enxeñería de Telecomunicación (MET) na especialidade de Procesado de sinal para comunicacións, que asegura sentirse “moi afortunada porque vou poder seguir traballando no que máis me apaixona nun dos centros de investigación de referencia. Prometo dar o máximo de min para poder estar á altura”.

No IHP Lucía Amaro formará parte do grupo Research & Prototyping (RPS) e centrarase no modelado electromágnetico de antenas e compoñentes pasivos System-in-Package (SiP) para aplicacións en THz. “SiP é un método de agrupación de múltiples circuítos integrados dentro dun mismo paquete, o que permite reducir o tamaño e o percorrido que teñen que facer as sinais eléctricas”, explica Lucía, que destaca que as investigacións do IHP céntranse en aplicacións que abarcan desde comunicacións aeroespaciais ata telemedicina.

Unha bolsa que chegou nun punto de inflexión
Lucía, que asegura aínda estar asimilando a concesión da bolsa, explica que decidiu presentarse á convocatoria da EuMA, a asociación internacional centrada na promoción das microondas e a unión e creación de redes entre enxeñeiros e científicos deste ámbito, porque xusto estaba nun punto de inflexión. “Acababa de rematar o grao e estaba comezando o máster, pero non sabía como enfocar a miña carreira profesional e apetecíame cambiar, ver como serían as cousas fóra. Cando o coordinador do máster publicou a convocatoria vin que era xusto o que necesitaba: a oportunidade de traballar en algo que me apaixona e ter unha estancia noutro país”, dúas cousas coas que a egresada considerou que podería seguir medrando “como persoa, como profesional e traballar competencias transversais que só unha experiencia de esta envergadura me ofrecería”, detalla.

A estudante de mestrado asegura sentirse ademais de moi afortunada, moi agradecida “a Ana Vázquez Alejos, David Álvarez Outerelo e ao grupo de Sistemas Radio de atlanTTic. Grazas a Ana tiven o primeiro contacto co mundo das antenas, xa que me deu a oportunidade de formar parte do grupo. David é como o meu mentor, todo o que sei de antenas é grazas a el. E Nacho e Isa me ensinaron todo o relacionado co ensamblado da antena e coas medidas en cámara anecoica. Sen o seu apoio nada sería posible”, asegura.

Unha bolsa aberta a estudantado de máster e doutoramento de todo o mundo
Aínda que as microondas son, segundo a estudante da UVigo, “unha parte bastante concreta dentro das telecomunicacións”, ás bolsas da European Microwave Association podía concorrer estudantado de mestrado e doutoramento de calquera parte do mundo, por iso Lucía recoñece que “aínda que tiña moita ilusión, non confiaba moito. Ademais eu acababa de comezar o mestrado e só levaba traballando ano e medio no mundo das antenas en alta frecuencia, mentres estudaba o grao”.

Sobre as súas aspiracións profesionais, Lucía Amaro asegura que lle gustaría centrarse na investigación, en comunicacións aeroespaciais, ou aplicando as telecomunicacións no mundo da neurobioloxía. “Encántame o procesado de sinal porque se basea principalmente en matemáticas, estatística e teoría da información, pero a radiocomunicación tamén me apaixona porque involucra desde o electromagnetismo ata o ‘cacharreo’ con circuítos ou antenas. Aínda non me podo decantar por un ou por outro, primeiro quero probar diversas áreas para ver cal é na que máis disfruto e logo focalizarme”, explica a estudante da EET, que avanza que o vindeiro curso comezará un doutoramento no ámbito da fotónica.