A espera cirúrxica da Área Sanitaria de Vigo mellora a demora media galega

O Chuvi acada un tempo de espera medio para entrar en quirófano de 74,8 días, 3 xornadas menos que a media galega

A espera para as intervencións de prioridade 1, as de maior gravidade, está en 19,5 días, mellorando o obxectivo marcado pola Consellería de Sanidade

O 69,5% dos pacientes en lista de espera cirúrxica presentan unha demora media entre 0-3 meses

Os datos oficiais feitos públicos hoxe polo Servizo Galego de Saúde reflicten que a 31 de decembro do 2021  a demora media global para operarse no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo foi de 74,8 días, mellorando así a media galega que é de 77 días,  unha das melloras do estado español.

Por tramos temporais, dos 8.302 pacientes que neses momentos estaban á espera dunha operación, o 69,5 %  presentan unha demora media entre 0-3 meses; o 25% entre 3 -6 meses; e un 5% están no rango entre 6-12 meses. Hai que subliñar que tan solo 8 pacientes esperaban máis de 12 meses.

En relacións coas Prioridades, as intervencións cirúrxicas de Prioridade 1 presentan 19, 5 días de demora media, polo que continúase garantindo e mellorando o obxectivo marcado pola Consellería de Sanidade, que establece que estas intervencións de maior gravidade se operen en menos de  30 días.

Así mesmo ocorre cos pacientes en Prioridade 2, cunha espera de 80,8 días, mellorando o ratio recomendado de 90 días para atender esta prioridade.

Menos esperas en Cirurxía Torácica, Uroloxía e Cirurxía Cardíaca

Segundo os servizos sanitarios, cabe subliñar que 9 das 14 especialidades cirúrxicas rexistran unha espera media por debaixo dos 60 días. Entre aquelas que presentan mellores resultados, Cirurxía Torácica (16,1 días); Uroloxía (49,3 días); e Cirurxía Cardíaca  (53,7 días).

Cabe subliñar a espectacular baixada de cirurxía cardíaca que diminuíu en 30 días as súas demoras, ao pasar de 85 aos 53,7 actuais. Tamén ORL, que baixou en 28 días o tempo medio de espera, de 84,4 xornadas ás 56,3 do último balance .

Sen espera para as sospeitas de patoloxía oncolóxica

No referido ás consultas externas, a 31 de decembro hai rexistrados 33.065 pacientes   que esperan unha media de 40,9 días  para ser atendidos por un especialista (dato igual que no exercicio anterior).

Ademais, para aqueles pacientes con sospeita de cancro mantense activados uns circuítos asistenciais específicos para axilizar a súa atención, as chamadas Vías Rápidas de Atención. A día de hoxe, a Área Sanitaria de Vigo ten implementadas as Vías de Colon, Mama, Melanoma, Pulmón, Cabeza e Colo, Próstata, e Vexiga. O tempo transcorrido desde o diagnóstico de sospeita ata a primeiro contacto co especialista hospitalario é de 3  día de demora media global.

Espectacular mellora das probas diagnósticas 

En canto ás probas diagnósticas, teñen experimentado unha melloría moi significativa, contabilizando 50,9 días menos de demora media que no ano anterior, situándose en  83,8 días.

Neste senso, cómpre nomear a melloría continuada que nos últimos anos vense rexistrando nos tempos de espera das endoscopias dixestivas. No 2021 a espera foi de 38,7 días, 19 menos que o ano anterior .

Subliñar ademais a radioloxía convencional, que acadou  diminuír en mais de 2 meses (67 días) ás esperas, situando a súa demora media en 24,4 días.

No referido aos procedementos de alta tecnoloxía, tamén  experimentaron importantes progresos, rexistrándose 93 días para unha Resonancia magnética (48 menos);  69,17  para TAC ( 23,7 menos);  e 19,7 para  PET  (15 menos).

Incremento xeralizado da actividade asistencial

A Área Sanitaria de Vigo logrou superar o impacto da Covid no segundo ano de pandemia, acadando un incremento xeralizado en todos os indicadores de actividade asistencial. Así, no pasado ano os profesionais efectuaron un total de 28.300 intervencións cirúrxicas, máis de 7, 8 millóns de consultas -entre atención primaria e hospitalaria- e 404.435 atencións urxentes en ambos niveis asistenciais.

No referido á actividade cirúrxica, das 28.300 operacións (312 máis que no exercicio anterior), 23.562  foron programadas e 4.738 urxentes. Ademais, o 56,% efectuáronse de xeito ambulatorio.

No ámbito da consultas externas, os especialistas do Hospital realizaron 782.813 consultas externas, un 8% máis.

Un 30% máis de consultas en primaria

En Atención Primaria, o persoal sanitario dos centros de saúde da área de Vigo -Medicina de Familia, Pediatría, Enfermaría, Farmacia, Matronas, Saúde Bucodental e Traballo Social- fixo 7.022.808 consultas (case un 30% máis que o pasado ano) . Destas, 2.647.809  (un  37,7%) foron telefónicas.

Por categorías profesionais, solo os facultativos superaron os 3 millóns de consultas (3.154.702), das que o 65% foron telefónicas.

Máis de 400.000 urxencias entre primaria e hospitalaria

Na área das Urxencias, das 404.435 atencións contabilizadas, os PACs de Primaria  atenderon 234.636 asistencias (un 10% máis), e o servizo de Urxencias do Álvaro Cunqueiro, 169.799 (un 17% máis).

Do total das Urxencias hospitalarias, 128.887 foron adultos, 31.702 menores de 15 anos e 9.210 obstetricas.

En relación coa hospitalización, rexistráronse 40.622 ingresos. A estadía media dos pacientes hospitalizados foi de 7,6 días. Ademais, no Álvaro Cunqueiro naceron 3.149 bebés . O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, explica que “estes resultados indican o gran esforzo realizado polos profesionais; xa que tendo en conta o contexto epidemiolóxico no que estivemos  inmersos, conseguiuse mellorar os resultados do ano anterior. E temos que seguir traballando na procura de estratexias e fórmulas organizativas que nos permitan continuar nesa línea de mellora continua de cara a incrementar a calidade asistencial ofrecida aos nosos pacientes”.