A Deputación traballa nun proxecto para a dixitalización do ciclo da auga na provincia, cun orzamento de 10M€

O proxecto, que inclúe actuacións para o control e a correcta xestión e uso da auga, beneficiará aos 24 concellos da provincia con poboación comprendida entre os 5.000 e os 20.000 habitantes

A Deputación de Pontevedra avanza no proxecto de “Dixitalización e mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga en todos os municipios de entre 5.000 e 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra” para optar á segunda convocatoria de subvencións para a dixitalización do ciclo de auga financiada con fondos europeos. O proxecto provincial, dunha duración estimada de 30 meses, ten un orzamento global de preto de 10 millóns de euros e ten por obxectivo implantar medidas destinadas a analizar, dixitalizar e xestionar o ciclo de auga de 24 concellos da provincia (Baiona, Bueu, Caldas, Cambados, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Gondomar, O Grove, A Guarda, Meaño, Moaña, Nigrán, Poio, Ponte Caldelas, Ribadumia, O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Valga, Vilaboa, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa), cunha maior transparencia e colaboración entre administracións, xestores e usuarios.

A transformación dixital da xestión do ciclo da auga é clave para conseguir unha maior resiliencia fronte aos riscos climáticos, garantindo a súa sostibilidade ambiental, económica e social. Para elo, o proxecto ten como obxectivos realizar unha diagnose do estado actual das instalacións que compoñen a xestión do ciclo urbano da auga, proporcionar datos reais sobre o seu estado, lograr a xestión eficiente dos recursos hídricos dispoñibles, reducir a contaminación das rías, dispoñer de ferramentas que permitan o análise de diferentes escenarios e dispoñer de modelos matemáticos para coñecer o comportamento e identificar os puntos críticos. Todo elo baseado na sensorización dos sistemas de auga potable e saneamento que trasladará os datos á unha plataforma de xestión da información que, á súa vez, aportará documentación sobre a situación das instalacións da auga e como melloralas.

Fases do proxecto

O proxecto contempla tres fases: diagnose, sensorización e plataforma dixital. Na primeira fase levaranse a cabo traballos de revisión  das instalacións que compoñen o ciclo da auga, así como realizarase un levantamento topográfico das redes e redactarse un plan de emerxencia ante situacións de seca nos concellos onde non exista.

Na fase segunda, sensorización, instalaranse sensores nas distintas etapas do ciclo da agua (caudalímetros, sondas de nivel, sensores multiparamétricos da calidade da auga, contadores intelixentes, etc.) que contarán con equipos de transmisión, soporte e anclaxes necesarios para a súa montaxe e posta en funcionamento.

Finalmente, a terceira fase contempla o desenvolvemento dunha plataforma dixital que realizará unha modelización do sistema, tratando os datos obtidos nas fases anteriores mediante o emprego da Intelixencia Artificial. Deste xeito, será posible, entre outras cuestións, identificar alarmas, telexestionar o sistema, monitorizar e analizar a información, crear patróns de consumo e predicións.

Resultados esperados

O proxecto pretende mellorar o estado das masas de auga e do resto de obxectivos da planificación hidrolóxica, así como impulsar a eficacia e eficiencia na xestión dos recursos hídricos xa que, entre outras cuestións, un maior control dos sistemas de bombeo e de tratamento leva aparellado unha mellora da eficiencia enerxética dos equipos reducindo un 10% o consumo.

Tamén pretende poñer en marcha solucións de adaptación ao cambio climático e abordar o reto demográfico, mellorando a xestión do ciclo da auga nas contornas do rural.  Igualmente, o proxecto permitirá optimizar os recursos financeiros dos concellos e fomentar a transparencia no uso e xestión do ciclo urbano da auga. Ademais, grazas á monitorización das infraestruturas, á optimización dos procesos e á xestión centralizada, fomentará modelos sostibles de Smart Cities.