Terá lugar ás 19:00 horas na Estación Marítima da Autoridade Portuaria de Vigo e centrarase no deporte de elite e de base facendo un recoñecemento aos logros e méritos deportivos de Carlos Pérez e Franco Cobas
A Deputación de Pontevedra renderá homenaxe ao deporte provincial nunha Gala que acollerá este venres, 27 de outubro, ás 19:00 horas a Estación Marítima da Autoridade Portuaria de Vigo e presidirá Luis López xunto a Marta Fernández-Tapias. Na Gala premiarase ao deporte de elite e ao deporte de base ao tempo que se re recoñecerán os logros, méritos e traxectoria deportiva de Carlos Pérez e Franco Cobas. Completarán o acto unha exhibición do Club de Patinaxe Artística Gondomar, Campión de Europa de Grupos Show Junior, e a música de Eladio y los Seres Queridos, a banda indie pop viguesa que este ano cumpre a súa maioría de idade.
A Gala do Deporte da Deputación de Pontevedra estará estruturada en tres grandes bloques, entre os que se intercalarán proxeccións audiovisuais, música e exhibicións artístico-deportivas. A gran novidade deste ano, que o goberno provincial quere incorporar a partir de agora neste evento, é unha homenaxe ás grandes figuras do deporte provincial. Deste xeito, neste 2023 farase un recoñecemento aos logros, méritos e traxectoria deportiva de Carlos Pérez Alonso (atletismo) e Franco Cobas González (remo), que amais de contar cun destacado palmarés deportivo son impulsores da Asociación de Olímpicos Galegos.
Ademais do recoñecemento haberá outros dos eixos temáticos centrados no deporte de elite e no deporte de base. No que respecta á elite poranse en valor os fitos conseguidos neste 2023 polos deportistas da provincia e tamén se destacará o feito de que Pontevedra tense convertido en escenario deportivo de grandes eventos deportivos, como a final das Series Mundiais de Tríatlon ou o partido entre as seleccións femininas de fútbol española e italiana que en decembro acollerá Pasarón.
En canto ao deporte de base, outros dos grandes bloques da Gala do Deporte da Deputación de Pontevedra, destacaranse tanto os valores do deporte, como o esforzo, a disciplina ou o afán de superación, como o papel que xogan na provincia as federacións e as escolas deportivas no desenvolvemento das carreiras deportivas. Deste xeito porase en valor a todas as entidades que apostan polo deporte de base, como xerme dos éxitos deportivos que a provincia de Pontevedra está a conseguir nos últimos tempos.
O deporte é e será para o goberno provincial que preside Luis López un dos eixos de traballo principais. Deste xeito, e da man da vicepresidenta primeira e delegada de Deportes, Marta Fernández-Tapias, tense xa anunciado a posta en marcha dun Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas de 4 millóns de euros, o incremento da liña de axudas a deportistas olímpicos e a firme aposta pola suma de sinerxías entre deporte e turismo, convertendo á provincia nun escenario de grandes eventos deportivos.

