A Deputación presenta aos concellos da provincia as liñas mestras do seu novo servizo de Xuventude e Reto Demográfico

O deputado Jorge Cubela mantivo unha xuntanza con máis de 30 representantes de concellos para escoitar as súas demandas e dar a coñecer os proxectos dirixidos á mocidade que a Deputación ten posto xa en marcha

Cubela avanzou que a institución provincial está a elaborar o I Plan Estratéxico de Xuventude que se converterá na ferramenta central e eixo de acción das políticas xuvenís que a Deputación vai impulsar nos vindeiros anos

A Deputación de Pontevedra presentou esta mañá aos concellos da provincia as liñas mestras do seu novo servizo de xuventude e Reto Demográfico, posto en funcionamento neste 2024 baixo o liderado de Jorge Cubela. O deputado provincial foi o encargado de presentar as novas liñas de subvencións e proxectos en materia de Xuventude e Reto Demográfico impulsados polo novo servizo da Deputación e de escoitar tamén as demandas de concelleiros e persoal técnico de trinta concellos da provincia que se deron cita esta mañá nunha participativa xornada no Edificio Administrativo da Deputación.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

“Como alcalde –asegurou Jorge Cubela- sempre botei en falta a implicación doutras administracións en materia de xuventude e nós, precisamente, o que queremos desde a Deputación é cubrir ese oco con este novo servizo”. Neste eido, o deputado asegurou que “o noso compromiso é escoitar as vosas propostas, iniciativas e ideas en materia de xuventude, para atendelas en igualdade de condicións, sen filtros políticos”. Ademais, a través do servizo de Xuventude e Reto Demográfico preténdese “non só ofertar novas liñas de actuación, senón tamén ser o promotor da coordinación e da posta en valor de accións que se levan a cabo para dar voz á mocidade da provincia”

Deste xeito, nos menos de tres meses de funcionamento do novo servizo de Xuventude, tal e como explicou Cubela, tense realizado xa un estudo da normativa e do que se está a desenvolver neste ámbito noutros organismos e deputacións provinciais. Ademais, tamén se puxeron en marcha iniciativas como os Premios Provinciais á Xuventude, o Ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos ou o Plan +Xuventude, a primeira liña de subvencións por concorrencia competitiva creada pola institución provincial para asociacións xuvenís e grupos informais. Xunto a estas iniciativas, iniciouse xa o proceso de elaboración do I Plan Estratéxico de Xuventude da provincia que se redactará tendo en conta a todos os sectores e actores implicados (desde os concellos ata a propia xuventude) e se converterá no eixo central de acción das políticas xuvenís que a Deputación vai impulsar nos próximos anos. Ademais, desde o novo servizo estase tamén a traballar en iniciativas dirixidas a concellos de reto demográfico para equipar locais xuvenís de titularidade municipal; en liñas de axudas para ANPAS e centros educativos públicos para organizar excursións a granxas escolas; nun programa de Semanas Brancas; nunha liña de axudas para que a mocidade poida acceder a vivenda no rural; nun programa de actividades extraescolares para Primaria e Secundaria; en iniciativas para loitar contra a fenda dixital e, entre outras, en programas centrados na saúde mental da mocidade.