A Deputación oferta esta semana dúas novas accións formativas dentro do programa SmartPeme

Os obradoiros, que se desenvolven de xeito telemático, centraranse en ciberseguridade e na promoción a través de Pinterest

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana dúas novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades, que se celebrarán de xeito telemático, abordarán temas relacionados coa ciberseguridade e coa promoción a través da rede social Pinterest.

As accións formativas inícianse este luns, 29 de xaneiro, ás 10:30 horas, con “Ciberseguridade, o pishing”. O obxectivo deste taller é dar a coñecer o Pishing, a forma máis sinxela de ciberataque e a máis perigosa e efectiva, polo que é preciso coñecer as formas en que se presenta para poder identificalo con eficacia e protexerse. Será impartido polo experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire.

Por último, o martes 30, de 12:00 a 13:00 horas, terá lugar o taller “Aprende a promocionar a túa empresa con Pinterest”, onde Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais con especialidade en márketing e dirección comercial, dará a coñecer Pinterest, unha rede social onde a imaxe é o máis importante. Ensinará a sacarlle o máximo partido e como implementala na estratexia de social media a través dos taboleiros e fotografías.