A Deputación oferta esta semana cinco novas accións formativas dentro do programa SmartPeme

Os obradoiros centraranse en ciberseguridade, Instagram, Intelixencia Artificial e Networking

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana cinco novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades abordarán temas relacionados coa ciberseguridade, Instagram, Intelixencia Artificial e Networking.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

As accións formativas inícianse este luns, 11 de marzo, ás 10:30 horas, con “Ciberseguridade, copias de seguridade” da man do experto universitario en robótica, programación e impresión 3D Manuel Freire. O obxectivo deste obradoiro é dar a coñecer a importancia de apoiar os datos nunha copia de seguridade, para evitar ser vítima dun ransomware ou padecer outros incidentes como roubos, inundacións ou subidas de tensión na rede eléctrica.

O martes 12, entre as 11:00 e as 12:00, terá lugar o taller “Como sacarlle partido ao Instagram da miña vivenda turística”, onde Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo, abordará as ferramentas de Instagram máis útiles para chegar a máis clientes, afondando no funcionamento do algoritmo, nas stories, nos reels ou  no Instagram Shop, entre outras. Pola súa banda o mércores, á 12:00 horas, a titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico Laura Taboada impartirá o curso “Capcut III, Intelixencia Artificial para o teu negocio”, no que analizará o funcionamento das intelixencias artificiais e o seu aproveitamento para os negocios.

O xoves 14, entre as 11:00 e as 13:00, iniciarase o novo itinerario formativo sobre Intelixencia Artificial “Ferramentas de texto con IA, Chat GPT, Gemini e Mixtral”, impartido por Manuel Freire. A través desta actividade daranse a coñecer ferramentas que usan modelos de IA xerativa de textos como Chat GPT, Gemini e Mixtral, así como proporcionaranse recomendacións para xerar prompts e textos.

Finalmente, tamén o xoves 14, de 17:00 a 19:00 horas, terá lugar o taller “Networking de empresas turísticas”. Este acción formativa será presencial, no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra, e contará con dúas partes. Na primeira delas, María Agustina Pereira, xerente de SI SUBVENCIONES, proporcionará información sobre as liñas de financiamento dispoñibles para o sector turístico e, a continuación, terá lugar a sesión de networking.