A Deputación mobiliza máis de 600.000 € na reparación dos danos causados polos temporais nas infraestruturas viarias provinciais

O goberno provincial aproba actuacións en sete vías provinciais afectadas nos concellos da Cañiza, Moaña, Mondariz, Nigrán, Pontevedra e Vilanova de Arousa

O goberno da Deputación de Pontevedra acaba de mobilizar un investimento superior aos 600.000 euros para a realización de obras de urxencia con vistas a reparar os danos que causaron os temporais deste outono nas infraestruturas viarias propiedade da institución provincial. En total, a Deputación está a destinar 620.000 euros para a realización de obras en sete estradas situadas nos concellos da Cañiza, Moaña, Mondariz, Nigrán, Pontevedra e Vilanova de Arousa.

No caso da Cañiza, as obras realízanse na EP-5002 A Cañiza-Mourentán para a reparación dun muro de contención á altura do PQ 6+000 da vía, onde foi preciso restrinxir a circulación rodada. Os danos ocasionados polo temporal, debido ás choivas torrenciais que provocaron arrastres, están a provocar un grave risco de colapso da estrutura e o derrubamento da calzada. Os traballos teñen un orzamento de 50.000 euros.

En Moaña, as obras de urxencia teñen por obxecto reparar o derrubamento dun terraplén na marxe esquerda da EP-1104 Moaña-Coiro, concretamente no punto quilométrico 0+330. A situación actual fai imposible garantir a estabilidade do noiro. Coa actuación, cun orzamento de 60.000 €, evítanse riscos maiores antes de que se vexan afectadas a calzada e mais o tráfico rodado.

No caso de Mondariz, a Deputación actuou na EP-4306 Ponte Val-Barciademera onde, por mor dos temporais, se detectou un muro caído a altura do P.Q. 4+350, nunha zona de vexetación frondosa. O firme do carril dereito atopábase fundido polo asentamento do terraplén e o desprazamento das pedras que formaban o muro, cuxa parte en pé carece de cimentación. Na actuación, xa rematada, investíronse 40.000 euros para arranxar a situación antes de que se produza un colapso da totalidade do muro.

En Nigrán estase a reparar o muro de contención situado na praia da Madorra (Panxón) e que se corresponde cun treito da EP-2104 Panxón-Patos. Os traballos teñen un orzamento de 150.000 euros e arranxaranse tanto o muro (cuxa cementación quedou no aire) como a calzada (que se afundiu, producindo unha fenda lonxitudinal), ante o gravo risco dun probable colapso, e mais o paseo peonil marítimo.

No caso de Pontevedra, son dúas as estradas provinciais afectadas. Por unha banda, a EP-0018 Xeve-Amil-Espedregueira, co obxectivo de reparar o derrubamento do noiro na marxe esquerda do punto quilométrico 6+000, cun orzamento de 120.000 euros. Ademais, tamén se actuou na EP-0001 Bértola-Canicouva-Ponte Sampaio para reparar a derruba do noiro na marxe dereita do punto quilométrico 3+380, con grave perigo polo desbordamento da auga e arrastres na calzada. Esta última actuación, xa rematada, contou cun orzamento tamén de 120.000 euros.

Por último, en Vilanova de Arousa estase a elaborar a proposta de actuación na EP-9702 As Sinas-Vilanova, onde as inclemencias meteorolóxicas produciron danos á altura do punto quilométrico 0+750. A falta de concretar o informe, estímase que estas obras teñan un investimento de 80.000 euros.

Ademais destas obras puntuais de emerxencia na Cañiza, Moaña, Mondariz, Nigrán, Pontevedra e Vilanova de Arousa, tamén se desenvolveron outras actuacións nas vías provinciais que discorren pola provincia como retiradas de árbores, limpeza de cunetas e caños por atascos, así como retirada de restos de materiais das estradas.