A Deputación mantén o prazo aberto para solicitar actuacións ao abeiro de Culturea

As asociacións de veciños e comisións de festas da provincia poden solicitar actuacións de ata 1.300 grupos de música, teatro ou, entre outros, danza.

O programa cultural está dotado cun millón de euros, un 20% máis que o destinado no 2023

A Deputación de Pontevedra mantén aberto o prazo para solicitar actuacións ao abeiro do novo programa “Culturea”, cuxo principal obxectivo consiste en espallar e manter viva a cultura popular e as tradicións en todo o territorio da provincia.

O programa, dotado cun millón de euros, un 20% máis que o destinado no 2023, pon a disposición de asociacións de veciños e comisións de festas un catálogo que reúne máis de 1.300 profesionais da cultura e que se configura como un inventario de grupos, artistas e compañías de diferentes disciplinas artísticas, como música, teatro ou danza, entre outras.

As asociacións de veciños e comisións de festas da provincia poderán solicitar un dos grupos incluídos no Catálogo para as súas actividades culturais realizadas durante o ano 2024, que deberán ir dirixidas ao público en xeral e ser de entrada libre. A Deputación, con cargo a este programa, retribuirá as actuacións dos grupos cun importe máximo que vai dos 200 aos 800 euros, dependendo da modalidade na que se insiran, mentres que o resto do caché deberá aboalo a entidade solicitante.

As solicitudes de actuacións poderán presentarse a través da Sede electrónica da Deputación cunha antelación mínima de 15 días de antelación con respecto á data de realización da actuación. Á hora de adxudicar as actuacións apostarase polo equilibrio territorial e pola diversificación das categorías na repartición de fondos daquelas solicitudes que reúnan os requisitos. Ademais, as entidades interesadas poderán solicitar un único evento mensual, ata un máximo de seis ao ano.