A Deputación mantén aberto ata o vindeiro xoves, 4 de abril, o prazo para que os concellos soliciten fondos ao abeiro do Plan +Provincia, dotado con 48,2 millóns

O programa, dirixido aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes, divídese en catro liñas diferentes: investimentos (33,74 M€), gasto corrente dos concellos (4 M€), activación de emprego (9,25 M€) e proxectos para a transformación da mobilidade (1,2 M€)

Ata o momento, xa se mobilizaron 13,4 millóns de euros ao abeiro das tres primeiras liñas, que benefician a 51 concellos da provincia

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o vindeiro xoves, 4 de abril, o prazo para que os concellos soliciten fondos ao abeiro do Plan de obras e servicios de competencia municipal (Plan +Provincia) 2024. Un Plan que repartirá entre os 50 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia un total de 48, 2 millóns de euros, o que o converte no orzamento máis alto da historia do organismo provincial.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

O plan está conformado por catro liñas. A primeira, de investimentos, está dotada con 33,74 millóns de euros; a segunda, con 4 millóns, céntrase no gasto corrente dos concellos; a terceira, de 9,25 millóns de euros, para activación do emprego e a cuarta e novidosa está dotada con 1,2 millóns de euros para proxectos transformadores relacionados coa mobilidade.

Estes fondos repártense entre os concellos seguindo uns criterios transparentes e obxectivos. O 45 % do orzamento é a parte fixa que se repartirá a partes iguais entre os beneficiarios. Mentres que o 55 % restante responde a variables como a poboación, a superficie, os núcleos e, por primeira vez, a incidencia do reto demográfico. Este criterio mídese tendo en conta os concellos que máis poboación perderon nos últimos dez anos (2013-2022) e os que maior índice de avellentamento presentan segundo a relación entre a poboación maior de 64 anos e a menor de 20.

Con estes criterios, o reparto dos 48,2 millóns de euros queda do seguinte xeito: o 43,57 % dos fondos, uns 21 millóns de euros, distribúense entre os 36 concellos de menos 10.000 habitantes; o 33,71 %, arredor de 16,3 millóns, son para os 15 concellos de entre 10.001 e 20.000 habitantes; mentres que o 22,75 % restante, 11 millóns, van para os 8 concellos de entre 20.001 e 50.000 habitantes. Ata o momento, xa son 51 os concellos que se beneficiaron de achegas ao abeiro das tres primeiras liñas do Plan +Provincia. En total, mobilizáronse preto de 13,4 millóns de euros, dos que 3,5 M € corresponden coa Liña 1 de investimentos para proxectos de 16 concellos,  2,03 coa Liña 2 de gasto corrente para 13 concellos e 7,8 coa Liña 3 que permitirán a 50 concellos da provincia contratar a 638 persoas desempregadas.