A Deputación inviste 210.000 euros na posta en marcha dunha rede de comercio local en 8 concellos da provincia

A plataforma que tamén porá en valor o produto de quilómetro cero, chegará a Arbo, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves e Rodeiro

A Deputación de Pontevedra acaba de adxudicar por preto de 210.000 euros a posta en marcha dunha plataforma para crear unha rede de comercio local e produtos quilómetro cero nos concellos de Arbo, Campo Lameiro, Cuntis, Forcarei, Meis, Mondariz, As Neves e Rodeiro ao abeiro do programa “Da túa man” (rural), financiado con fondos europeos. Esta actuación enmárcase dentro da grande aposta do goberno provincial pola “dinamización e promoción económica da provincia e, de maneira específica, do rural”, asegurou o presidente da Deputación Luis López.

Trátase dunha “aposta innovadora que contribuirá a unha mellora da produtividade do comercio e da hostalaría destes concellos, creando vínculos comerciais e estreitando e fortalecendo as relacións de subministración”, explicou o presidente. Ademais, mediante este sistema configúrase unha comunidade de aprendizaxe, que permitirá compartir coñecementos e experiencias que contribúan a mellorar a produtividade, incrementar as vendas e engadir valor ao produto e servizo.

A plataforma contará con dúas partes: unha parte pública, dixital, que permitirá á cidadanía acceder aos contidos xerados: mapa, da provincia coas diferentes experiencias, información medio ambiental, etc., e unha parte privada á que terán acceso os comerciantes e hostaleiros dos concellos mencionados. Nesta parte privada os axentes implicados poderán interactuar e establecer relacións comerciais, compartir experiencias e información e, entre outros, dispoñer de titoriais de expertos.