A Deputación impulsa o talento emprendedor con seis novos proxectos no Viveiro de Empresas de Lalín

O III Programa de Emprendemento da Deputación de Pontevedra arranca este xoves cunha edición intensiva de asesoramento e formación ata xullo

A Deputación de Pontevedra dá un novo paso no seu compromiso co emprendemento local ao poñer en marcha este xoves, 15 de maio, o III Programa de Emprendemento no Viveiro de Empresas de Lalín, no que participarán seis proxectos empresariais en fase inicial. Esta iniciativa, enmarcada dentro do programa SmartPeme+, terá unha duración de dous meses e está deseñada para impulsar ideas de negocio mediante asesoramento personalizado, formación específica e encontros profesionais.

Os proxectos seleccionados representan a diversidade e creatividade do tecido emprendedor da provincia. Tres iniciativas proceden da comarca de Deza, concretamente de Lalín, Silleda e Vila de Cruces:

  • Desde Lalín, Juan Jesús Varela Amigo propón unha lavandería autoservizo para mascotas e bicicletas, incorporando servizos complementarios para engadir valor á experiencia.
  • En Silleda, Gloria Lareo Neira desenvolverá A Fada da Aldea, un espazo de benestar e autocuidado con perspectiva de xénero, centrado na cosmética natural e o saber popular galego.
  • Desde Vila de Cruces, Priscila Saavedra Barros presenta Tablón Arte, un proxecto de mobles artesanais únicos e de alta calidade.

Tamén participan dous proxectos da comarca de Tabeirós-Terra de Montes:

  • A estradense Vanesa Lorenzo Bugarín lidera Casa Pío, unha axencia inmobiliaria especializada en compravenda, alugueiro e vivendas vacacionais.
  • Desde Forcarei, Pablo Villaverde López impulsa Souto Life, unha consultoría agrícola que ofrece análises de terras, plans de fertilización e control de pragas, entre outros servizos.

Finalmente, desde a comarca de Pontevedra, concretamente Campo Lameiro, Pablo Afonso Malvar participará co proxecto NOZOA Permacultura, unha empresa que ofrece solucións ecosostibles para o deseño urbano, como espazos verdes, reverdecemento de edificios e asesoramento en normativa europea de sustentabilidade.

O programa inclúe asesoramentos individuais adaptados ás necesidades de cada emprendedor, formación sobre plans de empresa e márketing, análise de comportamento do consumidor, axudas públicas, identidade corporativa ou desenvolvemento do produto mínimo viable.

Así mesmo, ao longo do programa organizaranse encontros con empresas, sesións de outdoor training e actividades de Lego Serious Play. A iniciativa culminará cunha xornada de presentación dos proxectos, na que un comité de avaliación outorgará un premio á mellor iniciativa emprendedora.