A Deputación impulsa a mellora da calidade turística en destino cun investimento de 240.000 €

A Xunta de Goberno acaba de aprobar a prórroga do contrato para seguir avanzando na consolidación e ampliación de establecementos adheridos ao sistema de calidade

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a prórroga do contrato para continuar prestando o servizo para a implantación e desenvolvemento do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED), cun orzamento próximo aos 240.000 euros.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

O presidente provincial, Luis López, anunciou que o novo contrato terá unha duración de 27 meses, e permitirá á Deputación seguir avanzando na consolidación e ampliación dos establecementos adheridos a este sistema de calidade do Instituto para a Calidade Turística de España (ICTE). 

A Deputación de Pontevedra leva dende o 2005 traballando no Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED). Na actualidade, a través de Turismo Rías Baixas, está a traballar con 343 establecementos e servizos que  teñen o distintivo de “Compromiso de Calidade Turística” no destino provincia de Pontevedra, o que o converte no primeiro en número de empresas distinguidas a nivel nacional.

O SICTED é un programa da Secretaría de Estado de Turismo ao que está adherido a Deputación como xestora do destino Rías Baixas baixo o paraugas de Turismo de Galicia. Cumprir cos requisitos marcados por este sistema de calidade leva consigo para as empresas acadar o distintivo “Compromiso de calidade turística”, un selo co que se distinguen fronte á competencia e acreditan o esforzo realizado e o compromiso coa calidade e a mellora continua. O programa está aberto a empresas que integran a propia oferta turística (hoteis, restaurantes, axencias de viaxe…) e tamén a aquelas que, sen ser estritamente do sector, contribúen á formación da experiencia turística no destino (taxis, seguridade cidadá…).