Preto de 240 persoas de nove concellos participan esta semana en actividades que promoven o envellecemento activo e a socialización
A Deputación de Pontevedra dá un novo paso no seu compromiso co benestar das persoas maiores coa posta en marcha, esta semana, de 13 novos obradoiros incluídos no programa Provincia Activa. A iniciativa, centrada en fomentar o envellecemento activo e a participación social, chegará nesta fase a 237 veciñas e veciños pertencentes a 13 asociacións de nove concellos: Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Lalín, Ponteareas, Redondela, Salceda de Caselas, Sanxenxo e Vigo.
Desde o 5 de maio, comezan diferentes cursos adaptados ás necesidades e intereses dos maiores, entre os que se inclúen actividades como pilates, teatro, ximnasia de mantemento, risoterapia, conservando a memoria, plantas medicinais, pandeireta e canto popular ou bailes de salón. Trátase dunha oferta que, ademais de promover hábitos saudables e a estimulación cognitiva e emocional, busca crear espazos de encontro e intercambio de experiencias entre as persoas participantes.
Os primeiros talleres en arrancar foron os de pilates, que se imparten á Asociación de Mulleres Rurais Caselas de Salceda de Caselas (24 persoas) e á Asociación Cultural e Veciñal Fonte de Lalín de Arriba (20 persoas). En Cangas, 18 persoas da AFAMO comezaron un curso de teatro, mentres que en Sanxenxo, outras 18 da Asociación de Xubilados de Vilalonga iniciaron sesións de ximnasia de mantemento. En Campo Lameiro, 15 persoas da Asociación Veciñal de Fragas participan nun curso de risoterapia.
O día 6 de maio será a quenda para a Asociación de Xubilados e Pensionistas San Estevo de Noalla, en Sanxenxo, que comezará tamén un obradoiro de ximnasia, mentres que en Cambados, 16 persoas da Asociación O Batuqueiro de Vilariño asistirán ao curso Conservando a memoria. En Ponteareas, 15 persoas da Asociación Cultural Centro Cultural de Cillarga participan nun obradoiro de pilates.
As actividades continúan o mércores 7 de maio en Lalín coa Asociación de Mulleres en Igualdade de Madriñán, que se suma tamén ao curso Conservando a memoria, e en Vigo coa Asociación Veciñal Doutor Fleming, onde 17 persoas participan nun taller sobre plantas medicinais. O xoves 8 será a vez do obradoiro de pandeireta e canto popular con 17 participantes da Asociación Veciñal, Cultural, Deportiva e de Consumidores e Usuarios de Lavadores, tamén en Vigo.
O venres 9 terá lugar unha nova sesión de risoterapia na Asociación Cultural Deportiva Cidadelle, de Redondela, con 15 participantes, e o sábado 10 pecharase esta intensa semana coa posta en marcha do curso de bailes de salón, que contará con 22 persoas da Asociación Casa Cultural de Bugarín, en Ponteareas.
O catálogo de Provincia Activa para o ano 2025 inclúe un total de 14 obradoiros divididos en seis bloques temáticos: “Benestar natural” (plantas medicinais), “Saúde en movemento” (pilates, ioga e ximnasia), “Emociónate” (memoria, musicoterapia, risoterapia e terapia emocional), “Outra vida” (teatro e restauración de mobles), “Con ritmo!” (bailes e canto popular) e “Reder@s” (habilidades dixitais e informática avanzada).
Este programa conta cun orzamento de 146.000 euros e beneficiará ao longo do ano a 130 entidades de 40 concellos da provincia, consolidándose como unha ferramenta esencial para o benestar e a participación activa da poboación maior. Con el, a Deputación reafirma o seu compromiso por construír unha provincia máis inclusiva, participativa e saudable para todas as idades.

