A Deputación esgota en menos de media hora as prazas da terceira ruta ornitolóxica de “Voando nas Rías Baixas”

A ruta, impulsada pola institución da man de SEO/BirdLife, terá lugar o 7 de abril e permitirá observar aves nas ribeiras do río Umia ao seu paso por Ribadumia e Cambados

En menos de media hora esgotáronse este luns as 25 prazas para a terceira das rutas ornitolóxicas deste ano do programa “Voando nas Rías Baixas”, que promove a Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO/BirdLife e que se desenvolverá o vindeiro 7 de abril polas ribeiras do río Umia ao seu paso polos concellos de Ribadumia e Cambados.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

O tramo do río polo que discorre a ruta está protexido pola Rede Natura 2000 e conta con paisaxes moi atractivas para as aves. Desta maneira, no bosque de ribeira pódense avistar paseriformes, concretamente nas árbores de sombra (exemplares de papuxa das amoras, pimpín común, subeliño común ou ferreiriño), mentres que as paisaxes agrícolas que rodean esta zona atraen outras aves como o xílgaro, o tordo común, a bubela, a andoriña común e dáurica, a rula común ou o lagarteiro común. Máis adiante, preto da súa desembocadura no Complexo Intermareal Umia-O Grove, o esteiro é idóneo para aves acuáticas como garzas, limícolas, gaivotas, patos e corvos mariños.

O percorrido, ofrecido por guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento como para a visita da zona na que ten lugar a actividade. Recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado, e cada participante terá á súa disposición prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder observar as aves sen molestalas. Ademais, entregaráselle cadansúa guía.

A cuarta das rutas contempladas en 2024 no marco deste programa provincial terá lugar o 26 de maio pola Serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo), para a que se abrirá o período de inscrición o día 13 de maio. Do mesmo xeito que na ruta por polas ribeiras do río Umia, tamén se ofertan 25 prazas e poderase anotar na actividade a persoa solicitante xunto con tres acompañantes máis. En total, son sete as rutas ornitolóxicas programadas este ano ao abeiro de “Voando nas Rías Baixas”. Despois da Serra do Suído, as rutas continuarán en xuño pola praia da Lanzada (O Grove), en setembro polas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e en novembro polo esteiro do río Miño (A Guarda).