A Deputación e a Universidade de Vigo asinan un convenio que permitirá ampliar o estudo do efecto dos microplásticos nos ríos da provincia

O ser humano ten producido 8.300 millóns de toneladas métricas de plástico desde 1950, unha cifra que ten graves consecuencias como o feito de que no mar existan 51.000 millóns de partículas microplástica

A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo volven a sumar sinerxías a través dun novo convenio que permitirá ampliar o estudo sobre as implicacións medioambientais e o efecto que teñen os microplásticos nos ríos da provincia. Así o anunciaron hoxe a presidenta provincial, Carmela Silva, e o reitor da universidade, Manuel Joaquín Reigosa, no acto de sinatura deste acordo –que conta cun orzamento de 20.000 euros– no que ambos mostraron a súa satisfacción por poder poñer o coñecemento ao servizo da sociedade. A firma tivo lugar na sede de Vigo da Deputación, onde tamén estivo presente a deputada de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Iria Lamas.

Tal e como indicou Carmela Silva, este convenio chega para dar continuidade ao asinado en 2020 «sobre microplásticos na auga e na comunidade de invertebrados nos ríos Lagares de Vigo e Gafos de Pontevedra» e ten por obxecto coñecer de preto «a influencia que poidan ter os microplásticos nun sector como é o da pesca, fundamental para a nosa economía, e moi particularmente na saúde das persoas». Tamén puxo de relevo o feito de que na provincia «temos unha zona costeira cunha gran riqueza produtiva, e temos que estar moi atentas e atentos porque os microplásticos, sen dúbida, son unha grande ameza para os sectores.

Neste senso, a presidenta remarcou que «unha das nosas grandes fortalezas é a calidade do produto, e para acadala temos que coidar os ecosistemas nos que se desenvolve». Para Carmela Silva «ter coñecemento e información sobre como poden influír estes microplásticos é fundamental para poder tomar decisións e para que o conxunto da sociedade tome conciencia desta situación». Por este motivo anunciou que «tan pronto estea rematado o estudo daremos a coñecer a información que se teña elaborado e tamén planificaremos medidas para poder dar resposta á situación que se nos formule».

Na súa intervención Carmela Silva lembrou outros moitos convenios asinados coa Universidade de Vigo vinculados a eidos como a cultura, o medio ambiente, a igualdade entre homes e mulleres –os cales destacou de maneira particular– ou a promoción da actividade económica. Deste xeito, as moitas das iniciativas provinciais están estreitamente vencelladas ao traballo que se realiza nas aulas universitarias e «incluso moitos dos proxectos que presentamos a fondos europeos e que teñen que ver coa recuperación do medio ambiente parten do coñecemento que nos aporta a universidade».  Neste senso, a Deputación de Pontevedra está a presentar moitos proxectos á Unión Europea vinculados «co mundo rural, agrario e pesqueiro» para converter a provincia nunha «referencia de traballo, respecto ao medio ambiente e coñecemento».

Pola súa banda, o Reitor Manuel Reigosa amosouse satisfeito pola colaboración entre as dúas institucións para poder poñer «á disposición da sociedade o talento que hai nos nosos laboratorios e aulas», e agradeceu «o empuxe da Deputación para facer este tipo de estudos, que son importantes para a sociedade». O reitor da Universidade de Vigo tamén  fixo fincapé no eixo principal do convenio asinado e asegurou que «hai que investigar e coñecer como están os nosos ecosistemas, e que mellor obxecto de empezar que os ríos, que nos poden dar unha medida da súa saúde». «Creo que é un enfoque moi positivo desde o punto de vista científico».  

A presenza de microplásticos en masas de auga é un dos principais problemas ambientais. O ser humano ten producido 8.300 millóns de toneladas métricas de plástico desde 1950, unha cifra que ten graves consecuencias como o feito de que no mar existan 51.000 millóns de partículas microplásticas. Este problema tamén afecta o reino animal onde, por exemplo, o 90% das aves mariñas teñen fragmentos de plásticos nos seus estómagos.