A Deputación destinará 40.000 € a instalar puntos de recarga de vehículos eléctricos no Castelo de Soutomaior e no Museo de Pontevedra

Estas novas instalacións únense a outras seis xa aprobadas no mes de outubro cun investimento de preto de 290.000 euros

A Deputación de Pontevedra instalará novos puntos de recarga de vehículos eléctricos no Castelo de Soutomaior e no Museo de Pontevedra e farao grazas a un investimento de 40.000 euros no marco do programa Moves III, financiado cos fondos europeos Next Generation. A través desta actuación preténdese fomentar a mobilidade sustentable co fin de diminuír o emprego de enerxías fósiles a favor dun sistema enerxético limpo e a súa consecuente redución de emisións de dióxido de carbono.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

En concreto, tal e como explicou o presidente da Deputación, Luis López, “instalaremos un punto simple de recarga no Museo cun investimento de 10.511 euros e dous puntos dobres no Castelo de Soutomaior cun orzamento de 32.330 euros” para ser empregados pola flota de coches eléctricos da institución provincial. No caso do Museo, o punto de recarga estará localizado no peirao de carga e descarga que existe no Edificio Castelao con acceso de entrada e saída a través da rúa Padre Amoedo Carballo de Pontevedra.

Estas novas instalacións únense a outras 6 xa aprobadas no mes de outubro cun investimento de preto de 290.000 €, en concreto no Centro Príncipe Felipe, na Estación Fitopatolóxica Areeiro, nos viveiros de empresas de Barro e Lalín, no Parque de Maquinaria e na Finca Mouriscade.