A Deputación destina preto de 2 millóns de euros para que 10 concellos da provincia contraten a 49 persoas e impulsen investimentos ao abeiro do Plan +Provincia

Os novos recursos beneficiarán aos concellos da Cañiza, A Guarda, A Lama, Arbo, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Lalín, Marín e Nigrán

A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar preto de 2 millóns de euros para que 10 concellos da provincia impulsen novos investimentos e contraten a 49 persoas ao abeiro das liñas 1, de investimentos, e 3 de activación de emprego, do Plan +Provincia. Benefícianse destes recursos A Cañiza, A Guarda, A Lama, Arbo, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Lalín, Marín e Nigrán. “Seguimos activando recursos e tendendo pontes cos concellos”, asegurou o presidente da Deputación, Luis López, que lembrou que xa se aprobaron preto de 9,5 millóns de euros deste plan para os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia.

- Publicidad -
Centaurus Box Vigo Cross Training

No marco da liña 1, de investimentos, a Xunta de Goberno aprobou 1,41 millóns de euros para sete concellos: A Guarda, A Lama, Arbo, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Lalín e Marín. Desta maneira, Lalín recibirá 444.011 € para a adquisición de terreos do Lalín Arena e da casa Don Álvaro; Marín 284.751 € para a humanización de vías en Pedreiras; Baiona 176.304 € para o proxecto de instalación de ascensor na Casa do Concello; Cerdedo-Cotobade 87.050 € para o retranqueo de peches de muros, cuneta e galpón en Parada de Tenorio; Arbo 83.203 € para o ensanche e pavimentación no lugar de Casanova – Mourentán, e A Lama 8.000 € para acondicionar un sendeiro no lugar de Firveda, en Covelo, na serra do Cando. Ademais, A Guarda contará con 328.355 € para o proxecto básico e de execución da reforma integral dos Edificios Sinde, bloque I, que completarán aos 709.738 € que xa recibiu ao abeiro do Programa PON2030, polo que o orzamento total de 1,04 millóns de euros estará financiado ao 100% pola Deputación.

No caso da liña 3, de activación de emprego, a institución provincial aproba 577.000 euros para a contratación de 49 persoas desempregadas nos concellos de Nigrán, Marín, A Cañiza e Dozón. En concreto, Nigrán recibirá 214.242 € para contratar a 18 persoas que traballarán como peóns forestais (15) e conserxes/ordenanzas (3); Marín disporá de 167.087 € para 15 persoas que ocuparán os postos de peóns de obras públicas (11), conserxes (3) e auxiliar administrativo (1); A Cañiza beneficiarase de 123.019 € para contratar a 11 traballadores como peóns de obras públicas (6), condutores operadores de maquinaria de vías (3) e mozos de recollida de lixo (2), e Dozón recibirá 73.033 € do Plan +Provincia para que 5 persoas ocupen os postos de peóns forestais (3), capataz forestal (1) e oficial condutor (1).